+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A EXPOSICIÓN ‘FASQUÍAS. EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS A ESCALA’ CHEGA AO SEU ÚLTIMO PORTO NO MUSEO DO MAR DE MARÍN


O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal destacou que a cesión da mostra “é excepcional” para o novo espazo marinense ao ter finalizado xa o Ano do Patrimonio da Deputación
A exposición ‘Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala’ vén de chegar ao seu último porto coa apertura ao público no Museo do Mar de Marín, onde estará ata o 22 de xullo, logo do seu periplo pola provincia. O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal inaugurou a mostra xunto co presidente da Asociación Museo do Mar de Marín, José Antonio Pérez Santiago, e co responsable da Asociación Culturmar Manolo Sendón.
Leal subliñou que a presenza da mostra en Marín co gallo da apertura do Museo do Mar é algo “excepcional”, xa que será a única e última vez que verá a luz. De feito, lembrou que ‘Fasquías’ foi unha das protagonistas do Ano do Patrimonio que a Deputación celebrou en 2017 cando tamén se organizou o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Combarro.
O nacionalista aproveitou a inauguración da mostra para poñer en valor “o traballo da sociedade civil” que foi quen sacar adiante o proxecto do Museo do Mar, espazo que –subliñou- pretende ser un referente para todo o relacionado coa vida mariñeira. Así mesmo, Xosé Leal tamén destacou a importancia de que, dende a Deputación, se puxeran en contacto dous colectivos tan destacados como a Asociación Culturmar (propietaria das pezas da mostra) e a que promoveu o museo marinense: “Conseguimos crear sinerxias e que se compartan experiencias que, ademais, poderán dar lugar no futuro a maiores colaboracións”.
Pola súa banda os responsables de Culturmar e do Museo do Mar agradeceron a exposición e subliñaron a importancia da colaboración á que facía mención o deputado, incluso deixando ver a posibilidade de traballar en conxunto para tecer unha rede de museos do mar. Segundo aseguraron, en practicamente todas as vilas mariñeiras de Galiza existen as mesmas tipoloxías de embarcacións, pero con particularidades propias locais, polo que o proxecto sería interesante e poñería en valor o rico patrimonio marítimo galego.
A mostra que hoxe recalou en Marín está composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e con diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos. O nacionalista tamén explicou que a mostra de ‘Fasquías’, para poder chegar ao grande público, está completada por unha pequena publicación que leva por título ‘Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia’ editada institución provincial, en colaboración con Culturmar e A Citania. Esta guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.

Deja un comentario