+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

CUBELA OFRECE A MÁXIMA COLABORACIÓN Á RAG PARA ACOLLER OS ACTOS DE ANTONIO FRAGUAS POLAS LETRAS GALEGAS 2019


Destaca o importante traballo feito polo Concello nos catro últimos anos “para que se lle dera a Fraguas o recoñecemento que merece”

-O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou  “a absoluta felicidade” do municipio pola concesión das Letras Galegas 2019 ao escritor, historiador, etnógrafo e expresidente do Museo do Pobo Galego Antonio Fraguas Fraguas, nado na parroquia cotobadesa de Loureiro en 1905. “Creo que se trata dun fito histórico para a cultura galega e, por suposto, para o noso concello”, destacou.

Cubela quixo deixar claro que Cerdedo-Cotobade, tal e como aprobou en pleno, vai ofrecer a máxima colaboración á Real Academia Galega, a Xunta e as demais institucións ou entidades para acoller, organizar ou promover todos os actos de homenaxe e posta en valor da traxectoria de Fraguas. “Imos deixarnos a pel para que sexan unhas Letras Galegas inesquecibles que leven a figura e a obra de Fraguas por todo o país”, sinalou.

Tras agradecer a “sensibilidade” do plenario da RAG coa candidatura de Antonio Fraguas e coa solicitude formal cursada polo Concello tras a súa aprobación unánime no pleno, Cubela quixo resaltar o “importante e enorme traballo” feito desde o Concello para que o intelectual sexa o protagonista da máxima honra da cultura galega “e teña o recoñecemento que merece”.

Neste senso, lembrou que o Concello integrouse na Fundación Antonio Fraguas e, da man desta, comezaron a impulsar a candidatura de Fraguas “pero non por fachenda nin defensa do noso, senón porque ten merecementos sobrados para esta distinción”. Ademais, nestes catro anos promovéronse roteiros, charlas, actividades culturais, actos para estudantes e, xa no pasado mes de abril, arrancouse coa programación do viséximo aniversario do seu paramento –que culminará en novembro de 2019– cun acto no Museo do Pobo Galego e a edición de publicacións e material educativo sobre Fraguas.

“Vai ser moi bonito que se lembre a súa figura e coincida co vinte aniversario desde o seu falecemento, porque cremos que vai servir para difundir axeitadamente a súa traxectoria”, concluiu, antes de destacar tamén a “gran labor” de Carballo Calero, o outro finalista desta honra.

Deja un comentario