+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REALIZA OBRAS DE SANEO DO FIRME NA ESTRADA PROVINCIAL EP-7001 ENTRE A ESTRADA E FORCAREI


O deputado Uxío Benítez explica que os traballos enmárcanse dentro do Plan de Conservación de Firmes do departamento de Mobilidade e teñen un orzamento de máis de 1.200.000 euros para o Deza-Tabeirós

 

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, está a realizar obras de saneo do firme en varios treitos da estrada provincial EP-7001 entre A Estrada e Forcarei. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes e abrangue boa parte da lonxitude da vía (22,5 quilómetros), con accións puntuais de reparación entre os puntos quilométricos 3+050 e 19+200, un asfaltado continuo entre o 19+200 e o 20+800, e outras reparacións puntuais entre o 22+200 e o 22+635, que coincide co fin da estrada.

Segundo destaca Benítez, o obxecto desta actuación é mellorar a seguranza viaria na zona, polo que foi preciso proceder ao fresado da calzada debido ao seu mal estado, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Estes traballos, segundo está previsto, finalizarán no día de mañá, a partir de cando se procederá a repintar a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas).
Coa mellora do firme na EP-7001 estréase, tal e como estaba previsto para inicios do verán, o novo modelo de conservación de firmes da Deputación que permitirá investir ata 4,4 millóns de euros anuais na rede viaria provincial dentro dun novo acordo marco. Esta fórmula suporá na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias nos firmes por parte dos vixiantes provinciais (fochancas, pavimentos esvaradíos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos).
En función das necesidades concretas iranse redactando memorias de actuación derivadas e utilizando o orzamento, máis en ningún caso se mellorará a totalidade da lonxitude dunha estrada, senón sempre treitos acoutados e xustificados.
Coa nova planificación a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán responsables das obras. A zona do Deza-Tabeirós correspóndese co terceiro lote de actuacións, que agrupa aos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis, cun orzamento de 1.120.051,36 euros e adxudicación para ‘Nexia Infraestruturas SLU’.
Esta empresa continuará as melloras na zona na estrada provincial EP6201 Rodeiro-Vilela, que ten unha lonxitude de 7,1 quilómetros e verá rehabilitados treitos puntuais do firme entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+550.

Deja un comentario