+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REALIZA OBRAS PARA SANEAR O FIRME DO CAMIÑO VIRXE DAS MAREAS EN O GROVE


O deputado Uxío Benítez explica que os traballos enmárcanse dentro do Plan de Conservación de Firmes do departamento de Mobilidade e teñen un orzamento de preto de 700.000 euros para o Salnés

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, está a realizar obras de saneo do firme en varios treitos da estrada provincial EP-9107, coñecida como Camiño da Virxe das Mareas, no Concello de O Grove. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes e abrangue practicamente toda a lonxitude e sección da vía (1.410 metros), salvo en zonas puntuais onde só se actúa nun dos carrís.

Segundo destaca Benítez, o obxecto desta actuación é mellorar a seguranza viaria na zona. Debido ao mal estado da vía, na que había fochancas, fendas, e algún afundimento, foi preciso proceder ao fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Estes traballos, segundo está previsto, finalizarán no día de mañá, a partir de cando se procederá a repintar a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas).
Coa mellora do firme na EP-9107 inícianse, tal e como estaba previsto para primeiros do verán, as actuacións ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Salnés. Esta fórmula suporá na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias nos firmes por parte dos vixiantes provinciais. Os proxectos de actuación sempre terán que ser puntuais, acoutados e xustificados, e en ningún caso se mellorará a totalidade da lonxitude dunha estrada, xa que esa actuación requiriría doutro procedemento administrativo.
Co novo Plan de Conservación de firmes a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán responsables das obras. Á zona do Salnés correpóndelle o lote cinco, que atende aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros e a adxudicataria ‘Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa SL’ (MARCONSA). O orzamento chega ata os 4,4 millóns de euros para toda a provincia.

Deja un comentario