+034 986 09 02 04 Xoves 15 de Novembro de 2018

O ACTO DE HOMENAXE A SALCEDENSES DISTINGUID@S PODERÁ SEGUIRSE EN DIRECTO NAS REDES


Salceda estreará este ano unha nova iniciativa que permitirá seguir o acto de homenaxe a Salcedenses Distinguid@s en directo a través das Redes Sociais do Concello. Sendo conscientes da cabtidade de xente que por diversos motivos (saúde, distancia, traballo, etc.) non poden asistir ao acto, o Equipo de Goberno decide ofrecer esta posibilidade que sen dúbida será do agrado de moita xente.

O Concello de Salceda botaba a andar este ano as súas redes sociais oficiais, priorizando unha vez o dereito á información e a comunicación constante coa veciñanza. Dende entón son moitas as persoas que empregan ditas redes tanto para seguir as novas municipais día a día como para empregalas como canle de comunicación para realizar preguntas ou suxestións. Parte fundamental deste elevado seguemento está relacionado coa emigración e coas persoas que por diferentes motivos xa non viven en Salceda, e que deste xeito teñen unha canle de comunicación constante que as mantén vinculadas á súa terra natal, tal como lle teñen feito saber en numerosas ocasións tanto ao Alcalde como ao resto de concelleiros e concelleiras do Goberno.

Así pois, o domingo 15, día grande das Festas do Cristo, a partires das 11:45, todas as persoas que o desexen poderán seguir o acto a través das redes sociais do Concello, e vivir en directo o nomeamento como salcedenses distinguidos/a de Jose Rodríguez Martínez, Juan Soto Fontaíña e Elva Lemos Márquez.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura e Festas: “Este ano damos un pasiño máis para achegar as nosas festas a tantas persoas que por diferentes motivos non poden achegarse á Praza do Concello para disfrutalas. Conseguiremos así levar este emotivo acto directamente ás súas casas, e que o vivan con nós dende o primeiro momento”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O dereito á información e a comunicación constante son as nosas máximas, e as ferramentas existentes hoxe en día permítennos como nunca chegar a moita máis xente. Non queremos que ningunha persoa sen quede sen disfrutar do noso día grande, e para eles e elas vai esta iniciativa pioneira no noso concello”.

Deja un comentario