+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

O CONCELLO DE BUEU INAUGURA ESTE SÁBADO A RÚA ‘DON JUAN VEIGA ALFONSO’


O acto terá lugar ás 13.00 horas xunto ao Centro de Saúde da vila, coa presenza de autoridades locais e do homenaxeado

O Concello de Bueu inaugurará este sábado, 14 de xullo, ás 13.00 horas, a rúa ‘Don Juan Veiga Alfonso’,nun acto que se celebrará xunto ao Centro de Saúde e que contará coa presenza do homenaxeado, autoridades locais e toda a cidadanía interesada. Esta homenaxe contará con diversas intervencións, así como a actuación de integrantes da Banda de Gaitas Manxadoira.
A inauguración desta rúa pretende render unha homenaxe a Don Juan Veiga Alfonso, profesional da saúde que dedicou 44 anos da súa vida ás xentes da vila. Tras a aprobación do nomeamento de Fillo Adoptivo na sesión plenaria de febreiro de 2017, en novembro do mesmo ano realizouse o ‘bautismo’ dunha rúa como “Don Juan Veiga Alfonso”, cunha proposta conxunta dos catro grupos políticos da corporación municipal bueuesa.
A rúa que se coñecerá a partir de agora como “Don Juan Veiga Alfonso” é a que circunda o Centro de Saúde de Bueu, entre a rúa A Pedra e a estrada PO-551, xa que se trata dun vial con certa vinculación por proximidade co lugar do traballo desenvolvido por Don Juan desde a inauguración deste Centro de Saúde ata a data da súa xubilación. Esta alternativa foi proposta pola iniciativa veciñal xurdida da man da Confraría de Pescadores Cons de Udra, SOCOMEBU e a Asociación 7ª Lista Robaleira.
Tal e como se especificaba na proposta de nomeamento de Fillo Adoptivo aprobada en pleno o 14 de febreiro, Juan Veiga, popularmente coñecido como Don Juan, foi durante 44 anos ininterrompidos practicante, ATS, enfermeiro no concello morracense. A longa traxectoria de dedicación profesional ao servizo da saúde de tantos e tantas cidadáns da vila, estivo chea dunha desinteresada vocación de servizo, que foi máis ala do esperado no normal desempeño das súas funcións. Ademais da súa labor médica, desempeñou un importante papel na vida cultural e deportiva da vila.
Aínda que a de Don Juan non é unha historia de títulos, cargos, premios nin outros méritos oficializados, si que é unha historia de intanxibles que encheron de saúde e ledicia a vida de todo un pobo, o de Bueu, que amosa continuamente o agradecemento pola súa persoa.
Unha vida de servizo
A súa andaina na vila de Bueu comeza no ano 1973, cando un mozo e ilusionado Juan Veiga chega para facer unha substitución do practicante titular. Dous meses iniciais que se suceden cunha interinidade para logo, tras ter aprobado as oposicións en Madrid, tomar posesión como enfermeiro titular de Asistencia Pública Domiciliaria.
As limitacións do sistema daqueles anos fixeron que, ante a demanda de poboación, Juan Veiga establecese unha consulta propia que dera resposta ás necesidades sanitarias que non podían ser cubertas por un sistema sanitario precario. Nestes primeiros 16 anos vai dedicarse completamente a este traballo, polo que non colle nin sequera vacacións.
Á parte do eido sanitario, Don Juan Veiga implicouse na vida social e sempre se mostrou disposto a colaborar con calquera entidade que solicitaba a súa participación en calquera esfera social. Tal é o caso do cargo que desempeñou no Clube de Remo Vila de Bueu, do que foi remeiro, patrón e presidente. Tamén formou parte do equipo de fútbol sala da Casa do Mar, composto por profesionais do eido sanitario, e ata foi profesor de música informal apoiando á rapazada inqueda da Banda do Río.

Deja un comentario