+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

PONTE CALDELAS MOBILIZA CASE 650.000 EUROS PARA AFRONTAR INVESTIMENTOS ESTRATÉXICOS E OBRAS NO RURAL


O Concello aproba unha modificación de créditos e un préstamo co obxectivo de avanzar cara o novo Balneario, renovar o céspede sintético de Chan da Barcia e atender compromisos pendentes

O Concello de Ponte Caldelas comeza a recoller os froitos da política de saneamento económico realizada durante os tres primeiros anos do mandato e disponse a espremer a súa capacidade investidora con dúas operacións de crédito aprobadas nas últimas horas. Unha inxección de 645.175 euros para impulsar proxectos tan estratéxicos como o novo Balneario e, ao tempo, seguir coidando o rural.
En primeiro lugar aprobou unha modificación de créditos nun Pleno extraordinario celebrado onte por valor de 324.004 euros. Os cartos saen directamente dos remanentes existentes en caixa, que alcanzaron o ano pasado a cifra récord de 728.797 euros gracias a unha xestión de aforro constante na execución orzamentaria. O Pleno deu luz verde cos votos do equipo de Goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a abstención do Partido Popular.
A modificación de crédito, a primeira no Orzamento deste ano, está destinada fundamentalmente a infraestruturas no rural coas únicas excepcións das obras de reforma na rúa de Concepción Arenal (ampliación de beirarrúas) e redeseño da avenida de Vigo, con modificación de beirarrúas, aparcamento en batería e substitución completa das luminarias, todo elo con intención de acondicionar a contorna do Balneario.
Por outra banda, o alcalde, Andrés Díaz, asinou esta mañá o expediente que dá vía libre á contratación dun préstamo con entidades financeiras, solicitando varias ofertas. O importe deste crédito, que se subscribe con ánimo de seren amortizado xa a principios do ano próximo cos remanentes do exercicio corrente, é de 303.171,06 euros.
O Concello garante así a liquidez inmediata que necesita para acometer o cambio do céspede sintético de Chan da Barcia, a elaboración do anteproxecto e xestión do procedemento para a concesión da obra e explotación do novo Balneario, así como a limpeza integral e acondicionamento previo de toda a finca de 7.700 metros cadrados. A estas obras súmanse outras no rural, entre as que destaca a ampliación da Casa do Pobo de A Roca, que será dotada de cociña.
O mes pasado, Ponte Caldelas acometeu a compra dos terreos do Balneario diante da Sociedade de Activos da Reestruturación Bancaria (Sareb), aproveitando o éxito das negociacións que se viñan facendo dende había tres anos. Non obstante, esta iniciativa, cun custo de 230.000 euros máis IVE, tamén obrigou a axustar os plans económicos en marcha.
O Goberno municipal caldelán destaca a valentía para mobilizar recursos públicos destinados a impulsar actuacións estratéxicas para o futuro de Ponte Caldelas, como o novo Balneario ou a reforma da contorna da Praza de España que xa se están traducindo na atracción de investimentos privados cara Ponte Caldelas, pois son varias as empresas que se teñen dirixido ao Concello anunciando o seu interese por implantarse na localidade.
Ao mesmo tempo, o equipo de goberno recalca a súa vocación de atención constante ao rural durante todo o mandato e tamén nesta recta final, pois vanse atender máis dunha trintena de peticións veciñais, algunhas delas “históricas”.
A saúde económica do Concello continúa garantida, toda vez que a débeda, vaise situar temporalmente nuns 1,3 millóns de euros, pero descenderá abruptamente a principios do próximo ano, gracias á utilización dos remanentes que deixará o actual exercicio, estimados xa en máis de 500.000 euros polo interventor, para amortizala. Deste xeito, quedará situada entre os 700.000 e os 800.000 euros, ou sexa, entre un 20% e un 30% por debaixo da herdada ao inicio do mandato.

Deja un comentario