+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

PONTE CALDELAS INICIA O EXPEDIENTE PARA ADXUDICAR O FUTURO BALNEARIO ENTRE AS EMPRESAS DO SECTOR TERMAL


O estudo de viabilidade económico-financeira estima que será rendible dende a súa apertura e que atraerá 50.000 visitantes ao ano

O futuro Balneario de Ponte Caldelas é unha aposta empresarial segura. O estudo de viabilidade económico-financeira co que o Concello inicia o expediente administrativo para a concesión, na modalidade de construción e explotación, entre as empresas do sector, estima que trátase dun negocio moi competitivo, de risco operativo baixo e que entrará en beneficios o mesmo ano da súa apertura.
O Goberno local formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG aperta o acelerador para tratar de abrir o prazo de presentación de ofertas canto antes e para iso está elaborando todos os documentos, informes e estudos previos necesarios. Máis aínda cando, a día de hoxe, xa son oito as firmas que se teñen dirixido ao Concello para adiantar o seu interese.
O estudo de viabilidade, peza obrigada deste complexo expediente, estima que o futuro Balneario atraerá 25.000 visitantes xa no primeiro ano e crecerá ata alcanzar os 50.000 no quinto. Uns datos que se xustifican en base á situación estratéxica de Ponte Caldelas, a cabalo entre a bisbarra de Pontevedra (máis de 125.000 habitantes) e Vigo (máis de 300.000 habitantes). A poboación destas dúas áreas é considerada como como “potencial usuaria” ao estar a menos de 50 Km de distancia. O estudo nin sequera ten en conta a potencial atracción de usuarios de áreas máis afastadas ou de turistas ocasionais.
A viabilidade económico-financeira vén polo cálculo dun saldo positivo no primeiro ano de 8.375 euros, unha vez deducida a amortización do investimento inicial e os custos de explotación. As cifras crecen ata os 155.160 euros no quinto ano. Por todo elo conclúese que a futura concesionaria asume “un risco operativo baixo”.
En canto á incerteza económica para o Concello é moi baixa, destaca o estudo, ao apostarse pola construción e explotación coa fórmula concesión, a risco e ventura do adxudicatario. Ao mesmo tempo sublíñase o impacto positivo que a instalación termal suporá para o comercio e a hostalería do municipio, máis aínda dado o carácter “desestacionalizado” deste tipo de turismo.
A análise valora a posible competencia doutras instalacións termais. Céntrase en Cuntis (a 58,7 Km) e Caldas de Reis (a 49 Km) e subliña os aspectos diferenciais que ofrecerá Ponte Caldelas, que aposta por piscinas ou pozas ao aire libre, con independencia de que o proxecto final inclúa tamén outras instalacións adicionais. “Trátase, por tanto, de actividades diferentes que non compiten directamente entre si, análogas ás que se desenvolven en estacións termais da provincia de Ourense de recoñecido éxito”.
O carácter mineiro-medicinal das augas de Ponte Caldelas, coñecidas dende 1877 e indicadas para distintas afeccións da saúde, entre elas as dermatolóxicas, é outro dos factores competitivos analizados.
En canto á contratación de persoal estímase que, de desenvolverse o proxecto mínimo, será necesaria a contratación de cinco persoas, para a atención ao público, servizos médico-estéticos e mantemento. Ademais, será necesaria a contratación da limpeza. O Concello, no marco da súa política de ética laboral, esixirá contratos indefinidos e salarios dentro do convenio colectivo do sector da hostalería da provincia de Pontevedra.
O expediente administrativo incluirá tamén un anteproxecto arquitectónico cinguido aos case 4.000 metros cadrados de solo urbano existentes na finca de 7.700 metros que vén de ser adquirida polo Concello á Sociedade de Reestruturación de Activos Bancarios (Sareb). Deseñará un edificio de servizos de dous andares cunha piscina cuberta e varias pozas ao aire libre. O orzamento desta instalación será inferior aos dous millóns de euros. Os futuros licitadores deberán, como mínimo, adoptar este anteproxecto, aínda que o procedemento administrativo deixará marxe á posibilidade de presentar novos planos con melloras e ampliacións que, en todo caso, deberán partir da viabilidade urbanística.

Deja un comentario