+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

O CONCELLO IMPULSA A SEGUNDA FASE DA REHABILITACIÓN DE FONTELAVADOIROS E DAS ACCIÓNS DE AFORRO ENERXÉTICO


Actuarase nos mananciais cotobadeses de Abrevadoiro do Toxo, Senra, Cachadiña, A Coviña, A Casola, Lameiro e Portiño do Cobo

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai acometer un importante investimento medioambiental, cifrado en 146.000 euros, para impulsar a segunda fase da rehabilitación e sinalización de fontelavadoiros no territorio de Cotobade e a de implantación de accións de aforro enerxético no de Cerdedo. Estas actuacións, financiadas co Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2018 da Xunta, dan continuidade á restauración de 14 mananciais en Tenorio, Augasantas, Carballedo, Corredoira, Loureiro e Borela e ás medidas de eficiencia eléctrica adoptadas en Figueroa, Pedre e Tomonde durante o pasado ano.

A liña competitiva desta orde de axudas concedeu ao municipio 120.000 euros, que se destinarán á recuperación integral dos lavadoiros de Senra (Borela) e Portiño do Cobo (Valongo), Fonte do Lameiro (Caroi) e dos fontelavadoiros de Cachadiña (Tenorio), Abrevadoiro do Toxo (Caroi), A Coviña (Corredoira) e A Casola (Caroi).

Estes mananciais serán limpados con auga a presión, picados, rexuntados, sellados e dotados de novas cubertas e ademais procederase ao recambio de elementos deteriorados, saneado da contorna, mellora dos accesos, instalación de sinalización e realización de analíticas das augas.

A outra metade da contía da liña competitiva do FCA investirase no cambio dos puntos de luz nos lugares cerdedenses de Tresaldeas, Outeiro, Fondós e Os Castros para obter un mellor rendemento enerxético e rebaixar a factura municipal por este concepto. Está previsto que se muden trinta focos en Tresaldeas e 108 nos outros tres lugares adheridos a este proxecto.

Deste xeito, prevese reducir o consumo actual, cifrado en 68.451 kilovatios, en ata un 62,5%, xa que se estima que coas novas luminarias de tecnoloxía Led fique limitado nuns 25.363 kilovatios, mantendo o mesmo servizo e mellorando a luminosidade.

Estas dúas actuacións están ultimadas e cos proxectos aprobados e agora só resta que, nos vindeiros días, saian a licitación.

Por outra banda, o Concello está pendente de que se aprobe finalmente o seu proxecto para a liña non competitiva do FCA 2018, que está cifrado en 26.000 euros e que permitiría extender as accións de aforro enerxético a Vilalén e Piñeiro. Nestes lugares prevese substituír as actuais luminarias e equipos por 50 novos puntos de luz con tecnoloxía Led e fonte de alimentación electrónica, o que permitiría rebaixar o consumo de 24.360 kilovatios a só 9.030, polo que se reduciría a factura destes lugares nun 63%.

Deja un comentario