+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA VALORA POSITIVAMENTE O DESCENSO DO DESEMPREGO PERO SEGUE A ALERTAR DA PRECARIEDADE DAS NOVAS CONTRATACIÓNS


A Presidenta da Deputación subliña que os datos reflexan as altas contratacións do sector dos servizos vinculado ás épocas de Semana Santa e comezo do verán

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou  “positivamente” os datos reflexados na Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de este ano coñecida esta mesma mañá, aínda que “como fixen antes e volvo a facer agora” hai que loitar contra o tipo de contratación que se está a producir que afonda na precarización do mercado de traballo”

Silva recoñeceu que os datos que mostra a enquisa son positivos porque mostran un descenso do desemprego e un aumento das contratacións “co maior número nun trimestre da serie histórica da EPA”. A Presidenta recordou que este período reflexa os meses de Semana Santa e de comezo de verán onde sempre os datos das novas contratacións son moi positivos pola alta demanda do sector turístico. “É un dato moi positivo que temos que resaltar. Certamente comeza a verse unha superación da crise e o seu resultado no emprego”.

O maior número de ocupados e ocupadas rexístrase no sector servizos, con 371.400 persoas; a construción con 63.400 persoas e a industria con 46.400 persoas, ao que Silva apuntou que “é certo que comeza a verse como hai grúas nas rúas e como a industria, por exemplo, no naval xa se ven barcos nas gradas como as de Barreras en Vigo. Comeza a verse actividade económica e polo tanto emprego”.

Para a Presidenta os datos dun lixeiro incremento do emprego a tempo parcial demostran que “hai que seguir a traballar para que o emprego sexa indefinido con dereitos e a tempo completo porque o parcial é o emprego que se oferta e os desempregados e desempregadas non poden optar a outra cousa”. Outro dos datos positivos que Carmela Silva salientou foi o descenso dos fogares con todos os seus membros en desemprego que baixou en 128.700 fogares “porque ate de agora tíñamos unas cifras insoportables”.

Para concluír Silva recoñeceu que os datos desta EPA son “positivos e cando é así mostro a miña ledicia de que haxa máis xente con emprego, pero temos que facer un esforzo conxunto para que o emprego que se crea sexa dunha maior calidade”.

Deja un comentario