+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA ACHEGA MÁIS DE 180.000 EUROS PARA O DESENVOLVEMENTO DO MARISQUIÑO 2018, UN DOS #RÍASBAIXASFEST DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


A presidenta cualificou ao festival como “o maior evento de cultura urbana e deportes do sur de Europa” e a importancia “innegable” do Marisquiño para a economía da provincia
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de informar da aprobación o próximo martes en Xunta de Goberno do convenio de colaboración co concello de Vigo para o desenvolvemento do festival Marisquiño 2018, que acolle a cidade olívica desde o ano 2001. Silva enxalzou que este convenio, por valor de máis de 180.000 euros e enmarcado no protocolo de colaboración co concello vigués, ten por obxecto promover actuacións que fomenten a participación da sociedade no deporte e cultura urbana.

Carmela Silva destacou que O Marisquiño forma parte dos #RiasBaixasFest, a iniciativa que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha fai tres anos para promover a nivel nacional e internacional, baixo unha mesma marca, os sete festivais da provincia (PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, SinSal Son Estrella Galicia, SonRíasBaixas, O Marisquiño e Revenidas).

No caso concreto do festival vigués, a presidenta da institución provincial asegurou que se trata dun dos grandes eventos da cidade, “que enche os hoteis non soamente de Vigo senón da súa contorna e da provincia de Pontevedra”. Neste contexto, Silva enxalzou a importancia “innegable” do Marisquiño para a economía da provincia de Pontevedra xa que, cada ano, “durante as datas de celebración do evento, os hoteis da cidade e de toda a súa contorna rexistran o 100% de ocupación hoteleira e o ano pasado o impacto económico do festival achegouse aos 20 millóns de euros”. Amais a presidenta da Deputación tamén subliñou a alta participación da cidadanía, con máis de 160.000 persoas que acudiron ao Marisquiño o pasado ano e ata 1.500 deportistas de 20 países. Xunto á participación in situ, o festival foi seguido a través de streaming por milleiros de persoas de máis de 100 países.

O Marisquiño, que este ano terá lugar do 10 ao 12 de agosto, é xa unha referencia internacional no ámbito do deporte e cultura urbanos. De feito, tal e como destacou Silva, “trátase do maior evento de cultura urbana e deportes do sur de Europa”, con probas deportivas puntuables en campionatos mundiais e unha destacable oferta cultural, concentrando no porto de Vigo desde exhibicións de graffiti e break dance ata unha completa programación musical que ascende a preto de 25 concertos.

Deja un comentario