+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

COMPLETADA A PRIMEIRA ROLDA DE REPARTO DE COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS DO PLAN REVITALIZA NAS PARROQUIAS DE VILABOA


A mediados de agosto realizarase un novo reparto e charla informativa no lugar de Paredes
O reparto de composteiros individuais ao abeiro do Plan Revitaliza entre a veciñanza das cinco parroquias de Vilaboa vén de completar a primeira rolda. O reparto, que ademais inclúe unha charla informativa, comezara a finais do pasado mes de xuño e fíxose en seis sesións nas que a veciñanza recibiu todos os elementos necesarios para realizar compost –un composteiro individual de 360 litros, un manual de compostaxe, un aireador e un termómetro- ao tempo que recibiron unha formación sobre a súa instalación, uso e materiais compostables. Este cronograma de sesións comezara nas parroquias de Bértola e Figueirido, continuou pola parroquia de San Martiño de Vilaboa, pola de Santa Cristina de Cobres -con dúas sesións-, e vén de celebrar a pasada semana a última sesión na parroquia de San Adrián de Cobres.
A maiores das sesión realizadas nas parroquias, está previsto que se realice aínda un reparto e formación máis, concretamente no lugar de Paredes a mediados de agosto. Mentres, para todos aqueles veciños e veciñas que non puideran asistir ás charlas, poden dirixirse ao concello e solicitar o seu composteiro individual, aireador, termómetro e manual de compostaxe.
Ademais, de cara acadar o obxectivo de que toda a cidadanía do municipio trate os restos orgánicos procedentes de cociña e xardín mediante a compostaxe antes de fin de ano, o persoal técnico de residuos da Deputación programará unha segunda quenda de formación e reparto para a veciñanza que quedara “rezagada”, por cuestións como as ausencias por períodos vacacionais, por exemplo. De todos xeitos e segundo explican os e as técnicos que levaron a cabo os repartos, a asistencia ás xuntanzas e a acollida do proxecto resultou un éxito, acudindo á convocatoria persoas de todas as idades e algunhas que mesmo xa tiñan experiencia en compostaxe doméstica pero que quixeron ampliar os seus coñecementos e sumarse ao Plan Revitaliza.
Hai que lembrar que nas reunións participaron mestras e mestres composteiros da equipa do Plan Revitaliza, unha técnico da asociación ecoloxista Amigos da Terra e o titular da concellería de Medio Ambiente de Vilabora. Na charla explicáronse os motivos da importancia de xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas sobre como instalar o composteiro individual nunha parcela, cales son os materias compostables e cales son os que non se deben botar no composteiro, así como a relevancia de achegar estruturante cando se depositan restos orgánicos. Ademais desta formación inicial, durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza comece a compostar ao abeiro do Plan Revitaliza, as persoas usuarias terán asesoramento e seguimento técnico directo, que consistirá en visitas domiciliarias por parte das técnicos de Amigos da Terra, nas que comprobarán se o proceso se está a realizar correctamente ao tempo que resolverán as dúbidas que poidan xurdir.

Deja un comentario