+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA DURANTE O MES DE AGOSTO TRES NOVOS FESTIVAIS DE MÚSICA E MANTÉN OS SEUS EVENTOS MÁIS SEÑEIROS


O Season Fest, no campo de Lourido, abre a nova oferta musical do 3 ao 5 de agosto e incorpórase tamén ‘Chan de Folk’ o 11 en Chandebrito coincidindo coa observación das Perseidas e Rock´n Patos o 25 coincidindo con ‘Os Patos Surfean de noite’

O Concello de Nigrán aposta na súa programación cultural e de ocio do mes de agosto pola incorporación de tres novos festivais de música e a continuidade dos eventos xa consolidados, como o Flota como Poidas (día 12) ou a baixada de carros de bolas de Camos (15). O gran abano de actividades, o seu atractivo e diversidade, dan unha continuidade sen transición ao que xa foi un inesquecible mes de xullo.
O mesmo día 1 Nigrán vivirá o seu festivo local, San Fiz, cunha festa organizada directamente polo Concello e que inclúe concerto a mediodía e verbena pola noite no Ceán. E será o venres 3 cando Nigrán estree no campo de futbol de Lourido (praia América) o seu novo festival máis potente do mes de agosto: Nigran Season Fest. Este novo evento, asumido dende Elemental Street co apoio do Concello, nace despois da gran acollida que tivo o concerto da coral Stella Maris de Priegue en homenaxe a Pablo Milanés no ano 2017, ao que acudiron máis de 5.000 persoas. Season Fest arrancará co concerto de Café Quijano, o venres día 3, e Loquillo, o domingo día 5. O sábado 4 será o concerto-homenaxe que a Coral Stella Maris ofrecerá a Dyango, un dos maiores expoñentes da canción romántica en España e que estará presente tamén para interpretar o seu repertorio. A entrada para o concerto da coral e Dyango será gratuíta, para o resto dos días pódese mercar na web do festival. O fin de semana seguinte, día 11, o Concello estrea ‘Chan de Folk’, outro novo festival en Chandebrito que precisamente se organiza coincidindo coa popular observación das perseidas na parroquia e que contará coa actuación de Xulio Lorenzo. E o mes de agosto aínda será testigo do nacemento dun novo festival: Rock´n Patos o día 25 coa banda ferrolá Riff Raff, coñecida polas súas grandes versións de ACDC; e Kalambrazo, un dos grupos locais de rock máis recoñecidos. Este último festival farase coincidir cun dos eventos máis concurridos na praia de Patos: ‘Os patos surfean de noite’, onde os surfistas decoran as táboas e neoprenos con luces mentras surcan as ondas na escuridade. A oferta musical do Concello de Nigrán completarase o día 14 co concerto da orquesta sinfónica ‘Vigo 430’ o día 14 ao pé do Templo Votivo de Panxón.
“Os tres son festivais con vocación de permanencia e en ubicacións espectaculares que queremos descubrir á cidadanía e por en valor, como xa o acadamos co Nigranjazz na Foz, Solpor Monteferro ou Vive Nigrán en Praia América”, explica o alcalde, Juan González.
A maiores, a programación de agosto inclúe entre os seus pratos fortes o hilarante ‘Flota como Poidas’, que terá lugar o domingo 12 de agosto ás 17:30 horas ao carón da ponte da Ramallosa, no Río Miñor e esteiro de A Foz. O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará novamente o artefacto flotante máis currado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao «Titanic» da edición. O prazo de inscrición está aberto ata o día 10, ben na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e no Facebook do Concello e enviándoo a secretariap@nigran.org. O ‘Flota como Poidas’ coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades Ovalmi e tocará a Banda de Música de Vincios ás 20:00 horas. Tres días despois, o 15, terá lugar en Camos outro evento divertido e espectacular ao mesmo tempo: a baixada de carros de bolas na rúa San Roque, que nesta ocasión se estenderá durante todo o día. Na parroquia veciña de Parada repetirán o seu ‘Camiño do Terror’ o 24 e 25, andaina que cada ano provoca gritos de pánico a miles de persoas no Montecastelo grazas as traballadísimas recreacións feitas polo C.C.R. Parada do Miñor. Ademáis, tralo grandísimo éxito de afluencia do ano pasado, regresa do 17 ao 19 de agosto o Val Miñor Fest, evento adicado á cervexa artesá e que levará os food-trucks e os concertos de novo ao paseo da Foz (Ramallosa).
No eido deportivo destaca, como cada agosto, a carreira Nigrán Area por Panxón e Praia América (os interesados en correr, federados ou non, poden inscribirse ata o 9 de agosto, ás 22:00 horas, na páxina da Federación Galega de Atletismo ou na Piscina Mancomunada). Ademais, mantéñense as clases de zumba en Patos e Praia América e o ‘Xoga na praia’ para nenos. Para os pequenos tamén están os campus deportivos (vela, patinaxe e piragüismo),
Entre outros eventos destaca tamén o roteiro polo futuro parque forestal de Os Matos entre Camos e Chandebrito o 7 de agosto, os dous espectáculos de A Illa dos Nenos o 4 e 26 ou a exposición ‘Rompe, xoga en igualdade’, do 2 de agosto ao 21 de setembro no salón de plenos.
“Con esta oferta cultural e de ocio pechamos un verán sen precendentes en Nigrán, o ano pasado xa foi espectacular, pero este o é aínda máis porque engadimos novos festivais. En total son máis dun cento de actividades nas que pomos todo o noso esforzo e ilusión co obxectivo de que tódolos públicos e tódolos gustos atopen en Nigrán o seu mellor plan”, resume o alcalde, Juan González.

Deja un comentario