+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

O FICBUEU ACHEGARÁ O CINEMA AOS MÁIS PEQUENOS IRMANDÁNDOSE CUN FESTIVAL CATALÁN


O programa inclúe proxeccións e obradoiros para centros de ensino e mais actividades para toda a familia como contacontos e concertos
A programación do 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu amplía este ano as proxeccións e actividades para cativas e cativos, dedicando desta volta a sección Irmandade a “El meu primer festival de cinema”, unha cita internacional dirixida a rapazada de entre 2 e 12 anos que se celebra principalmente na cidade de Barcelona. A sesión estará reservada aos centros de ensino do Morrazo, ao igual que as seccións Infantil e Xuvenil, mentres que a Gala Escolas Galegas e actividades coma os contos de Olalla González ou o concerto de Paco Nogueiras serán con entrada libre e de balde.
“El meu primer festival de cinema” pretende abrir unha xanela a obras inéditas ou dificilmente visibles en pantallas comerciais, contribuíndo á difusión dun cinema plural e creativo. Impulsado pola Asociación Cultural MODIband, o principal obxectivo do evento é entreter, educar, estimular a imaxinación e espertar o espírito crítico, creando un espazo de participación e diálogo protagonizado polos máis pequenos. Así acontecerá coa selección de oito curtas que se proxectarán o 12 de setembro ás 11 horas no Centro Social do Mar.
O xoves 13 e o venres 14 continuarán as habituais proxeccións para alumnado, coas seccións Infantil e Xuvenil, á mesma hora e no mesmo espazo. O sábado día 15 celebrarase a Gala Escolas Galegas, aberta ao público, na que se proxectarán os traballos finalistas desta sección e se procederá á entrega de premios das tres categorías nas que se subdivide: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e mais facultades e escolas de imaxe. No mesmo día, ás 16.30 horas, as e os estudantes que asinan as obras nominadas están chamados a participar nun obradoiro de interpretación que se desenvolverá no Punto de Encontro do FICBUEU, situado na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa. O cineasta Nani Matos impartirá este achegamento á dirección actoral no medio audiovisual.
Con anterioridade, ás 12.30 horas terá lugar no Centro Social do Mar o espectáculo Radio BuleBule, no que Paco Nogueiras convida a vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de música e humor. Na xornada previa, o 14 de setembro ás 17.30 horas no Punto de Encontro, a mestra e escritora Olalla González achegaralles ás nenas e nenos diferentes xéneros cinematográficos a través de personaxes literarios nunha sesión de contacontos, coa que coñecerán aventuras de piratas, tremerán de medo con monstros e ogros, mergullaranse en mundos de fantasía e rirán ás gargalladas.

Deja un comentario