+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA: “APOSTAR POLO MARISQUIÑO É APOSTAR POLO SÉCULO XXI. VIGO É A CAPITAL MUNDIAL DA CULTURA URBANA”


A Deputación de Pontevedra achega un ano máis a este festival algo máis de 181.000 euros

O Marisquiño, que forma parte dos #RíasBaixasFests, tivo o ano pasado un impacto económico de preto de 20 millóns de euros
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron  o convenio de colaboración para o desenvolvemento do Marisquiño 2018, polo que a institución provincial inviste un total de 181.500€. Trátase do evento de deporte, música e cultura urbana máis grande do sur de Europa, que celebrará a súa décimo oitava edición no porto da cidade olívica dos vindeiros 10 ao 12 de agosto. Na sinatura tamén participou o organizador do Marisquiño, Carlos Domínguez “Pity”, xunto co que posteriormente realizaron unha visita ás instalacións que se están montando para o festival na zona do Náutico de Vigo.

Carmela Silva destacou que “apostar polo Marisquiño é apostar polo século XXI, pola modernidade e pola cultura urbana, xa que este festival é un evento de cultura urbana absolutamente extraordinario, o mellor do mundo, que sitúa a Vigo e a toda a súa área en todos os lugares do planeta”. A presidenta subliñou que, ante este gran evento que cada ano bate récords, a Deputación non pode senón apoiar e prestarlle recursos, “xa que o Marisquiño, ademais de ser un gran festival, trae á nosa terra milleiros de persoas que enchen todos os hoteis e todos os establecementos de Vigo e de toda a área”.

Pola súa parte, o alcalde de Vigo sinalou que a colaboración que se está dando no Marisquiño “é unha nova forma de entender a cidade. Primeiro é a actividade privada, que ten as ideas e nolas presenta, e logo estamos as institucións liderando as cidades e poñendo esas ideas nunha marcha conxunta. Temos que darnos conta da importancia deste xeito de entender a política porque é unha nova forma de entender un novo Vigo e nisto vamos seguir traballando”.

Abel Caballero resaltou tamén o Marisquiño como un evento de nivel mundial, “e isto é dun valor incalculable porque é de novo a imaxe de Vigo e a imaxe que transmitimos é de altísima calidade, presenza de milleiros de visitantes, participación de innumerables persoas, unha mobilización inmensa de deporte, cultura, lecer e música”.

O Marisquiño 2018, enmarcado nos #RíasBaixasFests, terá lugar en Vigo do 10 ao 12 de agosto. Como novidade este ano, súmase ao evento o Basket 3×3 da FIBA, unha nova disciplina deportiva que será olímpica en Xapón 2020. Xunto ás innumerables probas deportivas, haberá tamén actividades de cultura urbana, música, un espazo market e foodtracks.

Tal e como destacaron na visita de hoxe, a importancia económica do festival é innegable para Vigo e a súa área. Cada ano, os hoteis da cidade e dos arredores rexistran un 100 por cento de ocupación. O ano pasado, o seu impacto económico achegouse aos 20 millóns de euros e durante o evento rexistráronse preto de 200.000 persoas, coa participación ademais duns 1.500 deportistas dunha vintena de países. Ao igual que vai pasar este ano, o Marisquiño 2017 retransmitiuse por streaming, chegando deste xeito a máis de 100 países dos cinco continentes.

Deja un comentario