+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA NOVAS ACHEGAS POR VALOR DE MÁIS DE OITOCENTOS MIL EUROS PARA CANGAS, NIGRÁN E SALCEDA


A Deputación de Pontevedra financia diversos proxectos de acondicionamento, mellora e reforma de espazos, servizos e vías públicas nestes tres concellos da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar cinco novas achegas para os concellos de Cangas, Nigrán e Salceda de Caselas, dentro da Liña 1 do “Plan Concellos 2018”. Estes investimentos supoñen un total de 809.823,03 euros.

Así, a institución provincial destina ao concello de Cangas dúas novas achegas cun valor total de 385.440,60 euros. Máis polo miúdo, o goberno de Carmela Silva destina 301.098,22 euros para financiar a nova capa de rodadura en viarios municipais; e outros 84.342,38 euros para a pavimentación e accesibilidade do Paseo Pepe Poeta. Con estas achegas, Cangas xa ten recibido 1.360.349,26 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 72,09% do Plan Provincial.

Pola súa banda, o concello de Nigrán recibe por parte da Deputación dúas achegas cun valor de 300.613,10 euros. Concretamente, a institución provincial achega 101.626,25 euros para o acondicionamento de beirarrúas no entorno do pavillón polideportivo de Nigrán; e outros 198.986,85 euros para a ampliación da rede de saneamento en Lagoíña, Labrego, Xestal e Palomar. O goberno de Carmela Silva xa destinou a Nigrán 801.870,94 euros do Plan Concellos 2018, o que supón o 46,9%.

E xa por último, a institución provincial achega 123.769,33 euros ao concello de Salceda de Caselas para a humanización das rúas Compostela, parte de Rafael Tilve Adrio e rúa da Coruña, Fase II rúa Compostela. Con esta achega, Salceda de Caselas xa ten recibido 547.772,71 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 48,8%.

Este ano a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.

Deja un comentario