+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

FEIJÓO AGARDA QUE A FESTA DO VIÑO ALBARIÑO SEXA DECLARADA COMO FESTA DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL


Salienta que esta celebración conseguiu manter ao longo destas seis décadas o seu carácter acolledor e de afirmación do propio e pide ás novas damas e cabaleiros que transmitan toda a maxia e a historia que agocha cada copa de Albariño
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou o seu desexo de que a Festa do Viño Albariño sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional despois de que fose reemitido ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o seu expediente favorable. Converteríase así na primeira celebración enogastronómica de Galicia en obter esta distinción internacional.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou o enorme potencial do albariño; un potencial como produto agroalimentario de calidade que queda ilustrado nas cifras da Denominación de Orixe Rías Baixas, cunha produción comercializada que medrou máis dun 26% desde 2009, duplicándose neste período o volume que se vende no exterior. E un potencial como destino do enoturismo, reflectido nas máis de 200.000 persoas que na pasada edición gozaron desta festa e nas 115.000 que viviron a experiencia da Ruta do Viño Rías Baixas.

Ao longo dos actos do Capítulo Serenísimo, Feijóo salientou que esta festa conseguiu manter durante estas seis décadas o seu carácter acolledor e de afirmación do propio e pediu ás novas damas e novos cabaleiros do Albariño –Nélida Piñón, José Luis Bonet, Carlos Carrión, José Faro Rúa e Roberto Vilar- que transmitan toda a maxia, a historia e a carga emocional que agocha cada copa de Albariño.

Así mesmo, o presidente do Executivo autonómico tivo tamén unhas palabras de recordo para Ramón Pintos, “Moncho o do Germán”, un dos precursores desta festa, “cabaleiro do Albariño e ilustre hostaleiro de Cambados, que nos deixou hai poucas semanas”.

Deja un comentario