+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA AS BASES REGULADORAS PARA QUE 4.434 PERSOAS DA PROVINCIA PARTICIPEN NO PROGRAMA DEPOTERMAL 2019


O programa de termalismo da Deputación de Pontevedra conta cun orzamento superior aos cen mil euros e máis de 430 prazas reservadas a persoas en situación ou risco de exclusión social

A presidenta provincial subliñou que o obxectivo de adiantar a aprobación das bases e da execución de Depotermal 2019 é “axilizar o máximo posible a xestión do programa para que a cidadanía poida desfrutar del, cada ano, antes”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa “Depotermal 2019”que, este ano, conta cun orzamento de máis de cen mil euros e oferta 4.434 prazas para todos os concellos da provincia, das cales 434 están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. O obxectivo da institución provincial ao adiantar a aprobación das bases e da execución é, tal e como afirmou a presidenta Carmela Silva, “axilizar o máximo posible a xestión do programa para que a cidadanía poida desfrutar del, cada ano, antes”.

Este ano “Depotermal 2019” oferta 4.434 distribuídas na modalidade de asistencia diaria aos establecementos termais durante cinco días consecutivos e de pernoita con pensión completa. Na primeira das modalidades a Deputación de Pontevedra oferta 1.248 prazas das cales 248 (4 por cada concello adherido ao programa) se reservan a persoas en situación ou risco de exclusión social. No caso da modalidade de pernoita con pensión completa, o goberno de Carmela Silva oferta3.186 prazas das que 186 (3 por concello) se reservan a persoas en situación ou risco de exclusión social.

A presidenta da Deputación informou que o primeiro paso para participar en “Depotermal 2019” é que os concellos presenten o acordo de adhesión. O prazo para que os concellos acheguen a solicitude é de 15 días naturais dende a publicación das bases aprobadas no Boletín Oficial da Provincia. Unha vez rematado este prazo, e publicada na páxina web a listaxe de concellos adheridos ao programa, abrirase un prazo de 30 días naturais para que as persoas interesadas en beneficiarse da iniciativa poidan presentar a súa solicitude.

Carmela Silva recordou que poderán beneficiarse de “Depotermal 2019” todas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra nadas antes do 1 de xaneiro de 1969, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou que precisen dun respiro familiar.

Deste xeito, a través de “Depotermal 2019” a Deputación de Pontevedra, tal e como informou a súa presidenta, pretende fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Amais, o programa da institución provincial tamén está a facilitar o acceso ao turismo de saúde e a dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

Deja un comentario