+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A BANDA DE GAITAS DE FORCAREI, XURXO SOUTO E ÓSCAR IBÁÑEZ HOMENAXEAN OS 90 ANOS DA MUIÑEIRA DE CHANTADA NO DÍA DO GAITEIRO


A emblemática Festa do Gaiteiro de Soutelo foi presentada esta mañá no Pazo da Deputación para reivindicar a Avelino Cachafeiro como “unha figura emblemática do país”
O 90 aniversario da gravación da Muiñeira de Chantada será a efeméride que o vindeiro 18 de agosto centrará a XXXIX edición da Festa do Gaiteiro de Soutelo da man da Banda de Gaitas de Forcarei, e dos músicos Xurxo Souto e Óscar Ibáñez que actuarán como pregoeiros. “Esta homenaxe lémbranos o traballo que fixo Avelino Cachafeiro para adaptar esta composición á gaita, porque hai que lembrar que esta peza nacera inicialmente para bandas de música” indicou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da Festa que esta mañá se fixo no Pazo provincial. Na presentación, ademais do deputado, dos dous pregoeiros, e do presidente da Asociación ‘O Can de San Roque’, tamén participaron membros da Banda de Gaita de Forcarei, que, como encargados e encargadas de manter vivo o espírito e a herdanza de Avelino Cachafeiro, protagonizaron o momento máis emotivo interpretando a Muiñeira de Chantada. Tras a actuación, o deputado nacionalista aseguroulles que “sodes a mostra de que temos gaiteiros para moitos milleiros de anos” e aproveitou para “animar a todo o mundo a que participe nesta cita e a dignificar a figura dos gaiteiros e das gaiteiras”.
Xosé Leal quixo aproveitar a súa intervención pa cualificar a Avelino Cachafeiro como “unha figura emblemática do país ao que hai que darlle un realce” e lembrou que celebracións como a Festa do Gaiteiro “nos axudan a facer país a través dos concellos”. Pola súa banda, o presidente da entidade organizadora da festa, Vicente Carballal, agradeceu a ocasión de poder presentar a efeméride fóra do contexto local e agradeceu á Deputación a oportunidade de promovela a nivel provincial. Carballal tivo tamén palabras de agradecemento para toda a veciñanza de Soutelo por manter viva esta cita ao longo dos anos.
O músico Xurxo Souto, que xunto con Óscar Ibáñez, actuará como mestre de cerimonias desta edición, centrouse no 90 aniversario da gravación á que denominou “o punto de inflexión que converteu esta peza nun clásico da nosa tradición musical para futuras xeracións”. Xurxo Souto relatou varias anécdotas na que a gaita acadou protagonismo como elemento festivo para celebrar logros do máis dispares e que exemplifican o que cualificou “a presenza musical da gaita na nosa tradición e a nosa querenza pola música.” O músico acudiu á presentación co libro ‘Voando cas aas da vida’, unha xoia editada en 1969, con versos do propio Avelino Cachafeiro, con portada do pintor Urbano Lugrís, prólogo de Otero Pedrayo e debuxos de Castelao. Xurxo Souto fixo unha apaixonada defensa da gaita como instrumento musical que capitanea a cultura de noso, así como do espírito festivo que nos caracteriza como pobo, e lembrou cando no ano 1925, con só 25 anos, Avelino Cachafeiro fora nomeado oficialmente o mellor gaiteiro de Galiza. Hai que lembrar que Xurxo Souto, ademais do seu traballo a prol da recuperación da tradición musical galega tamén ten colaborado poñéndolle voz ao Gaiteiro de Soutelo nun conto infantil.
A Deputación de Pontevedra colabora coa celebración da Festa do Gaiteiro de Soutelo desde os departamentos de Turismo, apoiándoa como Festa de Interese Turístico, e desde o de Cultura e Lingua, a través do programa Pontegal.

Deja un comentario