+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

Ponte Caldelas proxecta unha pista de padel para completar a área deportiva de Chan da Barcia


Construiríase no terreo existente entre o pavillón e a pista de tenis

O Concello de Ponte Caldelas solicitará á Vicepresidencia da Xunta, dentro da orde de subvencións destinadas a mellora de equipamentos, a construción dunha pista de padel ao aire libre nuns terreos municipais existentes entre o pavillón e a pista de tenis ao aire libre o que permitiría acondicionar este espazo, agora en terra, e completar a oferta municipal en materia de infraestruturas deportivas existentes en Chan da Barcia.

A futura pista de padel ao aire libre, que contaría cun presuposto duns 49.000 euros e que se construiría na área deportiva de Chan da Barcia, tería un uso gratuíto para os veciños do municipio, tal e como acontece nestes momentos coa de tenis. Ademais aproveitaríase para axeitar ese anaco de terreo cun formigón raiado, que melloraría a imaxe de toda a zona.

Se a Vicepresidencia da Xunta de Galicia outorgase a subvención a administración autonómica financiaría o 80% do investimento e o Concello de Ponte Caldelas só tería que conseguir o 20% do custo total, ademais do IVE. A obra só executaríase se se concede o investimento, porque así a cantidade que tería que achegar o concello sería perfectamente asumible.

Segundo o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, sería unha oportunidade de completar o complexo deportivo existente en Chan da Barcia, o cal xa conta con campo de fútbol de herba sintética, pavillón deportivo municipal completamente renovado e pista de tenis recentemente acondicionada, ademais dunha pista multideportiva e un parque biosaludable situada na zona verde anexa ao río Verdugo, xunto á pasarela de madeira.

Deja un comentario