+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ORIXE FESTIVAL VOLVERÁ ENCHER CALDAS DE REIS DE MÚSICA, LITERATURA E SOLIDARIEDADE


Os concertos terán lugar o sábado 18 e as actividades complementarias, que terán lugar na semana seguinte, inclúen un recital poético, unha charla sobre a cultura vikinga, unha jam sesion e a presentación do novo libro de Baia Fernández
A organización do Festival mantén a colaboración co Banco de Alimentos de Pontevedra, que no pasado ano recollera preto de 2.000 quilos de comida
As formacións musicais Nao, Cuarta Xusta, Tecor Societário, e Cabina serán os grupos que encabecen o concerto co que este ano abrirá o Orixe Festival, o vindeiro 18 de agosto no malecón do xardín de Caldas de Reis. Así o anunciou esta mañá Martín Agrelo, membro da Asociación Zona Afectada, a entidade organizadora deste evento. Diversos representantes desta Asociación, presentaron esta mañá o Festival no Concello acompañados polo rexedor da localidade, Juan Manuel Rey, pola concelleira de Cultura, María López, polo representante do Banco de Alimentos de Pontevedra, José Luis Doval, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Como principal novidade, nesta edición o concerto celebrarase o primeiro día do Festival e as actividades complementarias terán lugar ao longo da seguinte semana –nas edicións anteriores, o concerto pechaba o festival-. O que si se mantén é a entrada gratuíta e solidaria, xa que as persoas que accedan ao recinto do malecón do xardín deberán achegar un quilo de comida que será doada ao Banco de Alimentos. “Este é un Festival realmente inclusivo, porque ademais de seguir apostando pola solidariedade, tamén involucra ao tecido local no desenvolvemento do evento, aposta pola lingua galega e deseña un programa paralelo de actividades orientadas a todo tipo de públicos” asegurou Xosé Leal durante a súa intervención. Sobre o aspecto solidario, tamén fixo fincapé José Luis Doval asegurando que a colaboración do Orixe Festival é unha gran axuda para atender ás 25.000 persoas que o Banco de Alimentos asiste na provincia, e informou que o ano pasado se recolleran preto de 2.000 quilos de alimentos.
As actividades paralelas, que terán lugar todas ás 21:30, comezarán o domingo 20 na rúa Real cun recital poético, continuarán o luns na praza da Leña cunha charla sobre a influencia da cultura vikinga na comarca e na provincia de Pontevedra a cargo de Pablo Culebras, o martes na praza do Camiño cunha jam sesion aberta a todas as persoas que queiran sumarse cos seus instrumentos nunha gran xuntanza de improvisación, e rematarán o mércores coa presentación do novo libro da autora local Baia Fernández que leva por título ‘Laia’. Un programa que o alcalde da localidade louvou asegurando que “estamos ante un Festival organizado por unha asociación de xente nova que se mantén no tempo o que fala da solidez do proxecto, e estamos a ver que non é flor dun día”. Juan Manuel Rey asegurou ademais que “estamos moi orgullosos de que unha asociación formada por xente nova se vaia implicando en proxectos neste concello e que vaian incluso máis aló do ámbito cultural”.
Sobre o concerto do día 18, desde Zona Afectada explican que trataron de incluír diversos estilos musicais de grupos galegos, desde o rock metal de Nao, ao rock&roll de Cabina, pasando polo punk folk dos compostelanos Tecor Societário, e a formación maioritariamente feminina Cuarta Xusta. Ao igual que nas últimas edicións, o Orixe Festival conta coa colaboración do Concello de Caldas e do departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

Deja un comentario