+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INICIA MAÑÁ AS OBRAS DO ACCESO PEONIL AO NOVO INSTITUTO DE SOUTOMAIOR


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que a instalación do pozo de bombeo do saneamento será prioritario para comezar o curso na data prevista

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra comezará mañá mércores as obras de mellora do tránsito peonil na estrada provincial EP-2908 e a conexión do saneamento do novo instituto de Soutomaior. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a instalación do pozo de saneamento será prioritaria para comezar o curso na data prevista, a primeiros de setembro.

O proxecto para a estrada, hai que lembrar, consiste na construción dunha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e 205 metros de lonxitude na marxe dereita, conectando o último treito de beirarrúa da EP-2908 co novo IES, co fin de permitir que o alumnado se poida trasladar ao centro de ensino en condicións de seguranza viaria. Instalaranse tamén redutores físicos de velocidade de vehículos e mellorarase a iluminación. Ademais, grazas a esta actuación da Deputación o centro educativo poderá dispor de saneamento, xa que aproveitando a obra da senda peonil instalaranse novas tubaxes e un bombeo para conectar o edificio coa rede xeral da vila.

O deputado Uxío Benítez explica que o prazo oficial de execución das obras é de tres meses, pero dado o inminente inicio da actividade no instituto o 3 de setembro, habilitarase unha solución urxente para as augas residuais: crear un pozo operativo para recibir augas negras mentres non se remata toda a instalación definitiva. Finalmente completarase este pozo de bombeo coa colocación da valvulería, a impulsión, e as tubaxes que discorrerán por baixo da nova senda peonil.

Ademais de priorizar o saneamento para que o instituto poida abrir, nos primeiros días de obra tamén se realizará traballo na vía: unha limpeza dos noiros e o desmonte da marxe da EP-2908 cunha pala co fin de conseguir un maior ancho para habilitar a senda de 2,5 metros de largo.

Non está previsto que as obras afecten ao tráfico rodado practicamente en ningún momento, se ben durante a construción dos muros de mampostería que sosterán algún dos noiros será preciso cortar puntualmente un carril de tráfico, o que estará convenientemente sinalizado e regulado con semáforos.

As obras para mellorar o acceso peonil ao novo instituto na EP-2908 foron obxecto de convenio entre a Deputación e o Concello de Soutomaior. Teñen un orzamento total de 176.191,46 euros aportados no 70% pola institución provincial e no 30% polo goberno local.

Deja un comentario