+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

Nove axentes da Policía Local reciben a felicitación pública do concello de Porriño


Trátase dun recoñecemento ao traballo ben feito que o Concello, acordou outorgar aos axentes pola súa intervención nas actuacións que desembocaron na detención dos presuntos culpables de dous sucesos acontecidos recentemente no noso municipio

O alcalde de Porriño, Nelson Santos, acompañado polo concelleiro de Seguridade Ciudadana,José Manuel Jacobo, e o Oficial Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, fixo entrega onte da felicitación pública que o Concello de Porriño acordou outorgar a nove axentes da Policía Local pola súa intervención nas actuacións que desembocaron na detención dos presuntos culpables de dous sucesos acontecidos recentemente no noso municipio.

Esta distinción fai referencia, en primeiro lugar, ao atraco perpetrado ao Restaurante Castro por varios individuos armados o pasado día 26 de decembro, no que, malia a violencia e intimidación utilizada polos delincuentes, a correcta intervención de catro axentes concluíu na detención dos asaltantes, a súa identificación, a recuperación parcial do botín e a súa posta a disposición xudicial.

En segundo lugar, ao acontecido durante o servizo de protección a unha vítima de violencia de xénero o día 10 do mesmo mes de decembro, na que, malia o complexo da operación, a impecable e rápida resposta dos seis axentes intervinientes permitiu deter o presunto homicida en grao de tentativa evitando un fatal desenlace.

“Como alcalde, e como cidadán de Porriño, quero trasladarvos a miña máis sincera felicitación polo labor que estades a desenvolver en pro da seguridade en todo o municipio e mostrar o meu recoñecemento pola decisiva e rápida intervención nestes feitos en concreto”, manifestou o rexedor aos axentes “á vez, anímovos a continuar na mesma liña, na que demostrastes unha gran profesionalidade no desempeño das vosas obrigas,”.

Trátase dun recoñecemento ao traballo ben feito que o Concello de Porriño quere facer público a través desta distinción. Cabe destacar, que esta felicitación pública se acordou por maioría absoluta na Xunta de Goberno para que surta os efectos en recoñecidos pola lexislación vixente para os efectos de baremos de méritos para as probas de ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de Policías Locais, en concordancia coa Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

“Os axentes intervinientes sobresaíron con notoriedade no cumprimento dos seus deberes e mostraron unha conduta exemplar no exercicio do seu labor, evitando en ambos os dous casos consecuencias fatais”, sinalou Nelson Santos, quen concluíu, “Como alcalde síntome especialmente orgulloso da Policía Local que temos en Porriño”.

Pola súa banda, o Oficial Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, quixo felicitar e poñer en valor o labor destes policías, “ambos os dous sucesos entrañaban un alto risco ao ir armados os delincuentes e mostrar unha conduta inestable e violenta. A correcta e rápida reacción destes axentes permitiu que hoxe non teñamos que lamentar vítimas”.

Deja un comentario