+034 986 09 02 04 Luns 15 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA: “REVENIDAS É UN ORGULLO PARA TOD@S NÓS PORQUE FALA DO QUE SOMOS, DA NOSA AUTENTICIDADE. SE A XENTE QUERE SER FELIZ TEN QUE VIR A ESTE FESTIVAL”


A presidenta provincial lembrou que “é unha obriga das administracións apoiar ao talento e poñerse ao lado das grandes ideas que fan que a xente nos coñeza e nos recoñeza”

 

A presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou hoxe que o festival Revenidas, un dos #RíasBaixasFests da Deputación de Pontevedra, “é un enorme orgullo para todas e para todos nós porque fala da nosa autenticidade. Fala do que somos, do que é a xente desta provincia. Xente que amamos a nosa cultura, que amamos e defendemos a nosa lingua e que amamos as nosas tradicións. Xente que é capaz de crear espectáculos coma este, que nos sitúa e que fala tan ben de nós”. A presidenta fixo estas declaracións na presentación da nova edición do Festival Revenidas, en VIlaxoán onde se desenvolverá o evento os vindeiros días 17,18 e 19 de agosto. No acto tamén participou o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o deputado de Cultura, Xosé Leal; o director do Agadic, Jacobo Sutil; o director do festival, Xoán Quintáns; e o músico Xurxo Souto.

Na súa intervención, Silva indicou que, partindo da defensa das nosas sinais de identidade, o festival Revenidas, que xa leva quince anos de historia, tense convertido “nunha referencia non só a nivel da nosa provincia e non só a nivel de Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional”. A presidenta tamén resaltou a importancia de que as administracións apoien iniciativas coma Revenidas, algo que a Deputación impulsa a través da rede de festivais #RíasBaixasFests, “xa que é unha obriga e un deber das administracións apoiar e poñerse do lado das grandes ideas e Revenidas é unha grande idea, é unha idea extraordinaria, que fai que a xente nos coñeza e nos recoñeza polo mundo”. A presidenta provincial rematou a súa intervención convidando a toda a xente “que queira ser feliz a vir estes tres días a Vilaxoán, porque vir aquí e ser felices e gozar dun Vilaxoán cheo de actividade, de cultura, de música, de boas sardiñas e dos nosos caldos, que para iso temos os viños brancos mellores do mundo”.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía destacou tamén que, un ano máis, “todo o mundo está mirando para nós. Volvemos ser unha referencia a todos os niveis e Vilaxoán volve exportar talento a montóns”. Alberto Varela lembrou que ser un referente é un orgullo, “xa que Revenidas está moi arraigado a esta terra, a Vilaxoán e a todo o que nos representa”. Rematou agradecendo o gran traballo realizado pola organización, o persoal colaborador e voluntario, institucións e entidades privadas colaboradoras, “e por suposto, á Deputación de Pontevedra, que sempre que dende Vilagarcía pedimos algo sempre arriman rapidamente o ombreiro”.

Ao igual que en todos os #RíasBaixasFests, a Deputación de Pontevedra desenvolve no Revenidas as súas campañas a prol da igualdade e do medio ambiente. A través dun stand informativo divúlganse as campañas “Lembra. Eu decido. Ti respectas” e “Conta comigo. Eu respéctote” para fomentar a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra todo tipo de violencias machistas. A través da campaña “Somos historias. Somos Sostibles” preténdese fomentar no coidado do medio ambiente e no respecto pola contorna.

Revenidas 2018 combinará, coma sempre, concertos e moitas actividades, no entorno do Porto de Vilaxoán, no parque de Dona Concha, na praia do Preguntoiro e nas rúas da vila. Ademais dos concertos de pago, que se realizan nun recinto pechado, o festival conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, arredor do edificio da Praza de Abastos, no parque de Dona Concha, onde teñen lugar as actividades de balde e para todos os públicos. Aí ten lugar a chamada “Feira Revenidas”, con artesanía, fook trucks, xogos e actividades para toda a familia.

Dentro da programación musical, o venres 17 destacan as actuacións, por exemplo, de Soziedad Alkohólica, Ayax y Prok ou Ezetaerre. As persoas que se acheguen ao Revenidas o sábado poderán gozar do concerto de El Drogas, dentro da xira de despedida do que fora cantante de Barricada, ou tamén da música de Tremenda Jauría. Na noite do sábado tamén terá lugar a tradicional Sardiñada Popular Revenidas. O último día, o domingo 19, haberá música en directo toda a tarde e a noite, podendo escoitar, entre outros, a Pakidarría ou a Banda Xangai. Precisamente, no concerto da Banda Xangai, a banda liderada por Xurxo Souto, as persoas asistentes poderán ter ocasión de escoitar sobre o escenario á Coral de Vilaxoán, a primeira vez que actuarán dentro do Festival.

Deja un comentario