+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CUBELA ASINA COA DEPUTACIÓN O CONVENIO PARA HUMANIZAR E CREAR UN APARCADOIRO NA CHAN POR 607.000 EUROS


A obra, que será a terceira fase da reforma urbana de Carballedo, adxudicarase e comezará neste ano e ten seis meses de prazo

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinou esta mañá coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e coa presenza do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e a concelleira Raquel Puente o convenio de colaboración entre ambas administracións que permitirá acometer a humanización e a creación dun amplo aparcadoiro público na Chan. O importe deste acordo, rubricado na sala de xuntas do Pazo de Montero Ríos, é de 607.000 euros, dos que o 70% serán sufragados polo organismo provincial, mentres que a aportación municipal será do 30% restante máis a consecución dos terreos a través dunha compravenda de mutuo acordó.

Esta actuación, que suporá a terceira fase da reforma urbana de Carballedo, tivo unha longa tramitación administrativa previa, xa que foi preciso realizar unha modificación urbanística e acadar os pertinentes permisos de Patrimonio. Agora, comezará o proceso de licitación para tentar que adxudicación e o comezo dos traballos se produza neste mesmo ano. Deste xeito, esta humanización podería estar rematada antes do vindeiro mes de xuño, xa que o prazo de execución estimado ascende a seis meses.

A obra contempla a humanización da Praza da Chan, a mellora da travesía desde o consistorio e o acondicionamento peonil da contorna da capela de San Roque, así como a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas fronte ao centro de saúde. “Trátase de poñer en valor o centro do núcleo, cun gran valor patrimonial, e de mellorar a imaxe e a comodidade dun espazo privilexiado”, explicou Cubela, que engadiu que “este investimento reforza a nosa aposta por modernizar os principais espazos do noso concello, tal e como xa fixemos en moitas outras parroquias e tamén na de Carballedo”.

O presidente municipal indicou que este proxecto, impulsado polo goberno local “será o terceiro que se acomete na Chan desde que son alcalde e exemplifica todo o que queremos para o noso municipio”. Neste punto, Carmela Silva e Uxío Benítez felicitaron a Cubela polas negociacións emprendidas cos propietarios para que venderan os terreos e se evitara o farragoso trámite de expropiacións, que adiaría en varios meses esta obra.

Finalmente, o rexedor quixo destacar a “gran capacidade de xestión do goberno local, que se pode comprobar neste convenio e na consecución de moitos outros fondos con distintas administracións” e quixo poñer en valor que grazas a elo estase conseguindo un gran nivel de investimentos e, en moitos casos, con acordos satisfactorios cos propietarios dos terreos afectados.

Deja un comentario