+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

PONTE CALDELAS APOSTA POLA PRODUCIÓN TEATRAL GALEGA PARA ENRIQUECER AS SÚAS FESTAS


O programa inclúe representacións a cargo das compañías Redrum Teatro, Fonte da Tella e agrupacións locais

O teatro galego e en galego volve ser moi protagonista durante a programación de verán de Ponte Caldelas, e moi especialmente, nas Festas das Dores. O Concello incluíu media ducia de representacións tanto no centro urbano como nas parroquias para manter o acento cultural que xa é marca da casa.
Ponte Caldelas conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para traer áa compañías Redrum Teatro e Malasombra, que configuran a parte forte do programa.
Redrum representará “Estás aí”, con Xulio Abonjo e Isabel Risco sobre as táboas. A obra, que chegará o próximo día 17 ao salón de actos do colexio Cordo Boullosa, glosa as peripecias dunha parella que se muda e atópase cun piso no que xa habitaba un home invisible.
Pola súa banda, Malasombra porá en escena “Os fabulosos cleanners”, un espectáculo familiar con pompas de xabrón incluídas, obra do autor alicantino Luis Beviá e que percorreu xa medio mundo. A sinopse fala de dous operarios de limpeza do teatro que descobren as posibilidades que lle ofrecen as súas ferramentas de traballo.
A agrupación teatral de Soutomaior, Fonte da Tella, é responsable de ata tres representacións da obra “A Fermosa Dorotea”. A primeira delas xa tivo lugar na casa do pobo da Insua, pero tamén hai sesións programadas para mañá en Tourón, o día 31 no colexio Cordo Boullosa e xa en setembro en Forzáns.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais de Ponte Caldelas representará “Toc-Toc”, unha aloucada historia sobre a consulta dun psiquiatra que trunfou na escena madrileña, onde estivo en cartel durante 10 temporadas. A representación será no salón do colexio Cordo Boullosa o próximo día 21.
O “Códice Caldelino” (nome dado ao formato de presentación do programa de festas de Ponte Caldelas) inclúe tamén teatro musical, con Aires del Norte y Olé na Alameda; así como actividades teatrais especialmente deseñadas para os máis cativos, entre elas “O Cego dos Monifates. Romance de cans”, adaptación dun libro de María Victoria Moreno a cargo da compañía Viravolta Títeres. A última cita chegará con “A Cabeza do dragón”, a cargo do teatro de títeres Cachirulo.

Deja un comentario