+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN RECIBE MÁIS DE 30 OFERTAS PARA A REALIZACIÓN DOS PROXECTOS DE SENDEIROS EN CRECENTE, ARBO E AS NEVES


Uxío Benítez indicou que estas son as primeiras actuacións cara a creación dun anel verde de sendeiros no río Miño

A Deputación de Pontevedra recibiu un total de 33 ofertas para a realización dos proxectos de ampliación e mellora dos sendeiros tradicionais de pescadores nos concellos de Arbo, As Neves e Crecente. Estas tres primeiras actuacións supoñen os primeiros pasos para a creación dun gran anel verde de sendeiros que percorrerá todo o litoral do sur da provincia e que se comunicará cos sendeiros portugueses da outra beira do río Miño a través dunha ponte peonil internacional, dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Visit Río Miño.

Unha vez recibidas as ofertas, son agora os servizos técnicos da Deputación quen debe analizar nos vindeiros días a documentación presentada polas empresas e facer unha proposta de adxudicación.

Os traballos no concello de As Neves consistirán na ampliación e adecuación do tramo que vai dende o límite entre Arbo e As Neves (no antigo viaduto) ata a capela de San Manuel (no lugar de Vide), que actualmente se atopa nunhas condicións deficientes. Asemade, o proxecto recollerá a realización dun miradoiro en madeira tratada para favorecer o achegamento de persoas que percorren a ruta e a contemplación da paisaxe en condicións de seguridade.

Pola súa banda, as actuacións no concello de Arbo centraranse no acondicionamento, ampliación e melloras no Sendeiro do Río Deva, afluente do Miño, entre a área recreativa de San Xoán e a área de baño de Barcia – Mouretán, o que supón unha intervención nun tramo de 4,3 km.

Por último, as actuacións en Crecente afectarán ao correspondente Sendeiro dos Pescadores, no tramo do río Miño entre Pousa e Cequeliños. Neste caso o proxecto inclúe o deseño dun novo trazado, aproveitando tramos xa existentes e habilitando outros novos. O percurso comezaría no límite con Arbo e chegaría ata a estación de tren de Pousa. Neste sendeiro atópanse accesos a todas as pesqueiras existentes actualmente e o seu percorrido total sería de 3,1 km.

O proxecto VISIT RIO MINHO obtivo un co financiamento do 75% de fondos FEDER no marco da convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de 2.000.000,00 €, con unha achega dos Fondos Feder da Unión Europea total que ascende a 1.500.000,00 €.

Deja un comentario