+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS MELLORARÁ O ACCESO AO NÚCLEO DE PORTASOUTO


As obras de asfaltado solucionarán as deficiencias dunha pista municipal de case 1,5 Km

As obras de asfaltado da pista municipal que comunica o núcleo de Portasouto coa estrada autonómica PO-234 comezarán nos próximos días. A actuación será asumida polo Concello no marco do Plan de Mellora de Camiños de titularidade municipal que cofinancian a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Deputación Provincial.
As obras foron licitadas cun orzamento de saída de 50.346 euros e presentáronse un total de oito ofertas. A construtora gañadora, Hordescón S.L., ofertou a execución en 38.555 euros. A actuación deberá estar rematada en 3 meses e inclúe o completo reasfaltado e acondicionamento, con aplicación dunha nova capa de bituminosa de 5 centímetros de grosor.
Para a licitación destas obras, o Concello de Ponte Caldelas, ao igual que sucedeu coas novas beirarrúas de prolongación da rúa de González Besada, tivo que pedir autorización á Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas), dado que conectan coa controvertida estrada autonómica que a Xunta de Galicia se comprometeu a arranxar integralmente xa no ano 2007.
A pista de Portasouto, cunha lonxitude moi próxima aos 1,5 Km, dá servizo a varias vivendas, polo que foi seleccionada polo Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) para a súa inclusión na convocatoria do Plan de Mellora desta anualidade. A capa de rodaxe non ten sido volta a asfaltar dende a súa construción, hai varias décadas, polo que presenta numerosas fochancas. O Concello mesmo tivo que varrela e tapar os buratos en varias ocasións.
Dáse a circunstancia de que é o único acceso posible a Portasouto, polo que é transitada polo camión municipal de recollida de lixo. Tamén dá servizo á Comunidade de Montes de Laxoso para os aproveitamentos forestais, a pesar de que non foi concibida no seu momento para o paso de vehículos pesados.
O Goberno local caldelán volve lamentar que, unha vez máis, o Concello deba dar pasos en solitario para mellorar a seguridade viaria na contorna de Laxoso mentres as obras da estrada autonómica seguen pendentes, a pesar de que o Goberno municipal chegou a ofertar a cofinanciación das obras cunha achega de 40.000 euros, que mesmo superan ao custo das expropiacións.
A Consellería optou por limitar as obras na bisbarra aos municipios gobernados polo PP, e no caso da PO-234, mesmo cinguiunas a Cerdedo-Cotobade (incluíndo un pequeno treito en Ponte Caldelas, precisamente ata Portasouto, diante da escasa lonxitude dispoñible).

Deja un comentario