+034 986 09 02 04 Domingo 26 de Xaneiro de 2020

CUBELA CRITICA QUE CABALLERO ARREMETA CONTRA AS FUSIÓNS “CANDO DESCOÑECE A REALIDADE DOS CONCELLOS PEQUENOS”


Convídaoo, como presidente da FEMP, a visitar Cerdedo-Cotobade “para mergullarse na realidade” e coñecer o maior financiamento

O presidente municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, criticou  ao presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, por arremeter contra as fusións “empregando datos erróneos e mentiras e recurrindo a unha absoluta demagoxia cando ademais descoñece por completo como se desenvolven e cales son os beneficios deste tipo de procesos”. “Déixame perplexo que fale de agrupacións municipais desde a súa absoluta ignorancia neste tema e co seu total descoñecemento da realidade dos concellos pequenos e rurais”, significou Cubela.

En primeiro lugar, o presidente municipal quíxolle deixar claro que os municipios fusionados “teñen un maior nivel de financiamento e uns recursos moi superiores” que permiten mellorar, reforzar e crear servizos públicos e aumentar a calidade de vida da cidadanía. Así, explicou que Cerdedo-Cotobade incrementou o seu orzamento nun 50%, pasando de 3,2 millons de euros por separado a 5 millóns en conxunto, e que obtén máis fondos do Estado, a Xunta e incluso a Deputación, o que lle permite acometer un plan de investimentos “histórico” e ter aprobado ata catro baixadas de impostos locais en ano e medio.

Por elo, cúrsalle publicamente un convite para que realice unha visita oficial, como presidente da FEMP, a Cerdedo-Cotobade “para que se mergulle na realidade e poida falar con coñecemento de causa” dos problemas de todos os concellos tendo en conta que ostenta a máxima representatividade dos municipios españois.

“Supoño que, dado que a súa política se basea só en mirarse o embigo e apostar polo illamento da cidade máis grande de Galicia cunha estratexia individual e alonxada da cooperación, parécelle que as fusións e a unión de forzas e sinerxias son ferramentas inútiles pero debería mirar máis a Europa”, indicou. Neste senso, explicoulle que entre os anos 1950 e 1992 ata 16 países europeos, entre eles algúns tan avanzados como Alemania, Noruega, Finlandia, Dinamarca ou Reino Unido, reduciron a súa cifra de concellos, nalgúns casos en ata o 80%.

“Cando vas circulando pola estrada e todos os coches veñen de fronte o que está conducindo en
dirección contraria es ti”, apostillou o munícipe.

Finalmente, acusou a rexedor vigués de “mentir descaradamente” ao asegurar que o Goberno central encabezado por Mariano Rajoy apostaba por procesos forzosos de fusión municipal: “O que é medible non é opinable e o anterior executivo non obrigou a ningún concello a agruparse e iso que contou, na súa primeira lexislatura, cunha ampla maioría absoluta e podería telo abordado. Nunca se falou de procesos forzosos e ademais, neste tempo, só se acometeron os dous que xurdiron voluntariamente e que precisamente se produciron en Galicia malia que noutros puntos de España hai termos moito más pequenos”.

Deja un comentario