+034 986 09 02 04 Luns 19 de Novembro de 2018

A XUNTA E O SECTOR NÁUTICO SELAN UNHA AMBICIOSA ALIANZA PARA POSICIONAR GALICIA COMO DESTINO DE REFERENCIA INTERNACIONAL


O Goberno galego cofinanciará os proxectos europeos ‘Ecodestin_3In’ e ‘Capiten’ impulsados pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+)

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural (AGADER), Miguel Ángel Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron dous novos proxectos que aspiran a posicionar a Comunidade como un destino náutico referente a nivel internacional.

Trátase dos proxectos europeos Ecodestin_3In e Capiten, nos que o Goberno autonómico, a través de Turismo de Galicia e da Consellería do Medio Rural, e o sector náutico alíanse cun convenio de colaboración ata 2020 asinado pola directora de Turismo e o director de Agader co presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), Manuel Soliño, no porto deportivo de Combarro.

Este acordo supón un reforzo do compromiso do Executivo galego coa posta en valor dos recursos marítimos e fluviais, para seguir avanzando no obxectivo colectivo de continuar impulsando Galicia como destino náutico, mariñeiro e deportivo. Para logralo, a Xunta cofinanciará o desenvolvemento deste dous ambiciosos proxectos sustentables.

A través de Ecodestin_3IN, Galicia busca consolidarse como destino náutico os 365 días do ano mediante a creación, promoción e comercialización de 50 novos produtos vinculados coa cultura do mar, a náutica recreativa e o patrimonio natural da Comunidade galega.

Máis de 4.000 participantes
O produto estrela do proxecto son os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia, que precisamente esta mañá tiveron unha saída desde Combarro instantes antes da sinatura do convenio. As autoridades saudaron aos participantes nesta experiencia, que se estende desde o 23 de abril ao 26 de outubro con máis de 4.000 persoas embarcadas nas case 100 saídas previstas nalgunha das tres propostas: os minicruceiros, o programa Descubrindo as nosas rías ou o programa de familiarización para colectivos e axencias de viaxes.

Ecodestin_3IN traballará para mellorar esta experiencia ao incluír entre as súas accións a preparación dos portos para que sexan viables como puntos de saída e escala de minicruceiros e convertelos en portos inclusivos grazas ao apoio das novas tecnoloxías.

Por outra banda, co apoio da Xunta ao segundo dos proxectos, Capiten –no que ademais se inclúen 18 socios de Francia, Reino Unido, Irlanda, España e Portugal–, impúlsase a creación do Clúster Náutico. Capiten tamén traballa para converter os portos galegos en puntos de información turística, atraer a Galicia novos turistas nacionais e internacionais e facer extensiva a experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías ao norte de Galicia.

Este segundo proxecto europeo ten o seu marco de actuación nas provincias de Lugo e A Coruña, onde se pretende implantar cruceiros costeiros ou pequenos cabotaxes, similares aos minicruceiros que xa operan na actualidade nas Rías Baixas.

Natureza e excelencia
A colaboración do Goberno galego co sector náutico nestes proxectos europeos aspira a reforzar internacionalmente a imaxe da nosa Comunidade. Permitirá poñer en valor aos 72 municipios costeiros, aos máis de 1.500 quilómetros de costa, ás 16 rías navegables practicamente todo o ano e ás preto de 900 praias.

Así mesmo, permitirá resaltar a aposta pola excelencia, pois de cada dez instalacións náutico deportivas co distintivo Q de Calidade Turística en España, seis atópanse en Galicia. A Comunidade destaca cada ano, ademais, na clasificación de bandeiras azuis. Actualmente conta con 124 entre praias, que suman 109, e 15 portos deportivos.

Os proxectos cofinanciados tamén permitirán avanzar nun dos obxectivos do modelo turístico autonómico: a internacionalización do destino. A Estratexia do turismo de Galicia 2020, consensuada co sector, aspira a que ao final dese período un terzo dos turistas que chega a Galicia sexan estranxeiros. O ano pasado o peso do mercado internacional foi do 28,7%, unha porcentaxe que o convenio asinado hoxe aspira a reforzar.

Deja un comentario