+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018

A XUNTA CELEBRA OS 30 ANOS DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS NOS QUE CONTRIBUÍU AO DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DE GALICIA


Esta DO vitivinícola ten certificadas máis de 4.000 hectáreas propiedade de 5.343 viticultores e 184 industrias, cunha produción en 2017 de 25 millóns de litros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participaron nos actos polo 30 aniversario da denominación de orixe vitivinícola Rías Baixas, organizados polo Concello de Salvaterra de Miño e a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, variedade que esta fin de semana celebra precisamente a súa festa.

A cita supuxo unha homenaxe a diferentes persoas (adegueiros, viticultores, membros do Consello Regulador ou traballadores públicos) que contribuíron ao impulso e posterior consolidación da DO Rías Baixas como parte do desenvolvemento económico de Galicia.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, salientou neste sentido o peso que ten esta denominación de orixe na Comunidade galega e o ascenso meteórico que experimentou nestes trinta anos, tanto en produción como en volume de negocio. Así, no 2017 estaban certificadas máis de 4.000 hectáreas propiedade de 5.343 viticultores e 184 industrias, que conseguiron unha produción de case 25 millóns de litros.

Porén, matizou o director xeral, o reto das vindeiras décadas debe seguir sendo a internacionalización do produto, se ben é certo que nos últimos anos a través das distintas liñas de promoción internacional que ten a Consellería do Medio Rural avanzouse a pasos axigantados neste eido.

Desde a perspectiva turística, Nava Castro subliñou o relevante papel que a DO Rías Baixas está a xogar na consolidación do enoturismo, un importante reclamo para os viaxeiros e que constitúe un valor diferencial que a Estratexia do turismo de Galicia 2020 está a impulsar. Amais, salientou a súa aposta pola excelencia, pois preto da metade das adegas españolas certificadas coa Q de Calidade Turística atópanse na nosa Comunidade.

A directora de Turismo eloxiou as experiencias relacionadas coas Rutas dos Viños, en cuxa sinalización e promoción está a implicarse a Xunta con orzamento comprometido para os próximos anos, ás que se suman produtos como Paseando entre viñedos e os Trens Turísticos de Galicia, con seis rutas que recorren as diferentes zonas vitivinícolas.

Deja un comentario