+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

O CONCELLO CONTARÁ CON 2.200 HORAS MÁIS DE SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DESDE SETEMBRO CONCEDIDAS POLA XUNTA


O incremento na atención a maiores e dependentes sitúase no 8% e permitirá ofrecer case 30.000 horas anuais no municipio

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai dispoñer de 2.208 horas anuais máis de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) financiadas pola Xunta de Galicia a partires do vindeiro 1 de setembro, segundo informou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, persoalmente ao presidente municipal, Jorge Cubela, a través dunha carta.

O munícipe lembrou que nos últimos meses ten emprendido, xunto co seu goberno, diversas xestións co executivo galego para reforzar esta atención a persoas maiores e dependentes e, tras recibir a comunicación, quixo agradecer a colaboración da consellería “polo aumento deste servizo, que é fundamental para nós polo índice de envellecemento e dependencia da nosa poboación e pola prioridade que concedemos aos Servizos Sociais”.

Na misiva recibida por Cerdedo-Cotobade detállase que, ao abeiro da Axenda Social Única de Galicia, pretende outorgarse un maior financiamento aos concellos “para mellorar o benestar das persoas maiores” e para elo vense de aprobar o Plan de Apoio á Dependencia, que contempla o reforzo do SAF na comunidade con 1,5 millóns de horas máis ao ano.

No caso do municipio, na actualidade dispón de 27.480 horas anuais baixo o réxime de concerto e financiamento da Xunta e, tras o aprobado incremento do 8%, que será efectivo a partires das vindeira semana, poderá ofrecer ata 29.688 horas por exercicio. Esta nova contía vaise incluir nos Servizos Sociais Comunitarios que recibe o Concello de Cerdedo-Cotobade, polo que liquidarase e efectuarase a correspondente transferencia cada trimestre.

Ademais, desde a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que é a que xestiona este servizo, tamén se solicita colaboración ao concello para que informe se se van empregar a totalidade das novas horas concedidas co obxectivo de optimizar os recursos, xa que, en caso contrario, poderían transferirse a outros municipios. Ante esta situación, Cubela explicou que vaise realizar un estudo pormenorizado nas vindeiras datas, pero indicou que moi posiblemente “se vaia utilizar todo o incremento do servizo porque o necesitamos e porque a nosa aposta pola atención a maiores e dependentes é incuestionable e infinita”.

Deja un comentario