+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

UN TOTAL DE 23 EMPRESAS CONSTRUTORAS COMPITEN POLAS OBRAS DA PRAZA DE ESPAÑA E OS XARDÍNS DE CARBALLAL


O Concello avanza nos trámites para a maior reforma urbana na historia de Ponte Caldelas, valorada en 670.000 euros

Un total de 23 empresas, moitas delas con implantación nacional, compiten polas obras de acondicionamento que o Concello vai realizar no ámbito da praza de España e os xardíns de Carballal, co obxecto de convertelas na referencia urbana de Ponte Caldelas.
O Concello xa coñece a documentación administrativa e abrirá nos próximos días o sobre coas ofertas económicas e o prazo de execución ofertado polos licitadores. A adxudicación formal producirase en poucos días, polo que as obras poderían comezar ao longo do mes de setembro.
O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que trátase da obra urbana máis importante de cantas se teñen acometido en Ponte Caldelas na súa historia, polo que os trámites de contratación están a ocupar boa parte do traballo diario municipal. O obxectivo é que a reforma poda completarse, ou en todo caso estar moi avanzada, en torno a finais deste mesmo ano.
As obras, que abranguen un ámbito total de 4.000 metros cadrados en pleno centro da vila, contan cun orzamento de partida de 670.000 euros entre as dúas actuacións e terán unha duración aproximada de tres meses. O proxecto baséase na creación dun gran espazo peonil, que despexe os obstáculos existentes na praza de España, pero mantendo un carril de tráfico para a avenida de Marín. Ao mesmo tempo, construirase unha fonte luminosa de última xeración fronte a cabeceira da Alameda. O actual chafarís, que data de 2003, será trasladado e dotado de iluminación nocturna para realzar a praza de nova creación entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil.
Para as obras da Praza de España recibíronse 22 ofertas, das que 16 repiten proposta para o espazo dos xardíns de Carballal. A maiores hai unha empresa que só oferta para este último ámbito, polo que son un total de 23 as firmas que compiten nas licitacións abertas.
As ofertas presentadas corresponden ás empresas Construcciones Fechi, Bcnor Gestión y Soluciones Avanzadas, Sergonsa Obras y Servicios, Denuevo Punto Creativo, Construcciones Caldevergazo, C.P.A., Marconsa, Fevisa Vías y Obras, Vipeca Obras y Servicios, Barnacle Obras y Servicios, Hordescón, Nexia Infraestructuras, Explotaciones Medioambientales, Zona de Obra, Audeca, Excomel, Covsa, Oresa, Pérez Excavaciones y Construcciones, Xestión Ambiental de Contratas, EC Casas y Obras, Construcciones Dios e, finalmente, Obras y Saneamientos Galicia OSG.

Deja un comentario