+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O CONCELLO PREPARA A MELLORA INTEGRAL DE CINCO RÚAS NA ZONA NORESTE E NA CONTORNA DO CENTRO DE SAÚDE CUN INVESTIMENTO DE 55.000 EUROS


Realizarase o fresado, reafirmado e pintado dos viais Doutor Batallán, 1, 8, 10 e 11 coa dotación dalgún paso de peóns elevado pola seguridade

 

O Concello de Moraña xa está preparando todos os detalles para a inminente mellora integral de cinco rúas da vila, en concreto Doutor Batallán, 1, 8, 10 e 11, que son as emprazadas na zona noreste e na contorna do centro de saúde e cuxo acondicionamento suporá un investimento superior aos 55.000 euros. Precisamente ante esta próxima obra, e dado que poderían producirse certas restricións e cortes puntuais de tráfico durante os traballos, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata a zona para supervisar todos os preparativos.

Esta actuación urbana contempla, en primeira instancia, a mellora das rúas Doutor Batallán, 8 e 11, emprazadas na zona noreste da vila. Na primeira delas, de 313 metros de lonxitude, realizarase o fresado, afirmado, pintado, dotación dun paso de peón elevado para gañar en seguridade, sinalización e alzado da cota das caixas de rexistro. Na rúa 8, de 156 metros, efectuarase a limpeza de cunetas, afirmado e reubicación dos rexistros, mentres que na 11 acometerase só o pintado nos seus 65 metros.

Por outra banda, nas rúas 1 e 10, situadas na contorna do centro de saúde e que son as que recibirán unha actuación máis intensa polo seu deterioro a causa do intenso tránsito na zona, realizarase o fresado, reasfaltado, pintado e alzado das caixas de servizos nos seus treitos de 118 e 106 metros, respectivamente

Esta actuación, que foi xestionada pola rexedora coa Vicepresidencia da Xunta e conta con financiamento deste departamento autonómico, enmárcase no Plan de Mellora Viaria 2018, dotado cun orzamento inicial de case 135.000 euros para acometer esta actuación urbana e outras en pistas rurais das Teixugueiras (Santa Xusta), Conles (Laxe) e A Penagrande (Laxe), xa practicamente rematadas.

Luisa Piñeiro explicou que este proxecto “permitirá poñer en perfectas condicións a nosa vila con actuacións que chegarán a máis de 750 metros da trama urbana” e incidiu en que estas obras son necesarias “porque afortunadamente temos un núcleo moi dinámico ao que acude moita xente e que ten moito tráfico e iso deriva nun
deterioro das rúas que temos que corrixir cada certo tempo”.

Deja un comentario