+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

UN TOTAL DE 301 NENAS E NENOS DA PROVINCIA PARTICIPARON ESTE VERÁN NOS CAMPAMENTOS POLIDEPORTIVOS PRÍNCIPE FELIPE


As actividades desta tempada tiveron como eixo central a concienciación da rapazada no respecto e no coidado do medio ambiente

Un total de 301 rapazas e rapaces de toda a provincia participaron este verán nos campamentos polideportivos Príncipe Felipe organizados pola Deputación de Pontevedra. Rematou a sexta e última quenda de rapazada participante nesta nova edición destes campamentos que botaron a andar o pasado 9 de xullo.

Durante seis quendas, 301 nenos e nenas de toda a provincia de entre 7 e 14 anos gozaron de cadansúa semana de lecer e de deporte nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe en Pontevedra. Do total da rapazada participante, 153 foron nenos e 148 nenas. Como cada ano, trátase dunha iniciativa con grande acollida na provincia, xa que nesta edición volveron quedar máis de 150 nenas e nenos en lista de agarda á espera de baixas.

En cada unha das seis quendas participou un grupo de 50 rapaces e rapazas, que aproveitaron as actividades deportivas e de lecer nas instalacións de Príncipe Felipe. Entre as accións que desenvolveron houbo actividades acuáticas coma wáter-polo e piscina, deportes de aventura, deportes na natureza, actividades de rastrexo, xogos en inglés e cada quenda tamén tivo unha saída ao Parque Multiaventura de Marín.

O fío condutor dos Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe deste ano xirou en torno ao respecto e ao coidado do medio ambiente. Pretendeuse así que as rapazas e rapaces tomen conciencia da importancia da natureza e da necesidade de coidala. Desenvolveuse ademais a actividade “Evitando lumes”, unha iniciativa específica para concienciar sobre os lumes forestais. Para traballar nos contidos sobre o medio, en cada quenda e en función da súa idade, os rapaces e rapazas formaron parte de cadansúa brigada de axentes mediambientais, denominadas Monte Castrove, Illas Atlánticas, Monte Santa Tegra e Monte Cotorredondo.

Á parte de desenvolver toda unha serie de actividades para o lecer e para a aprendizaxe da rapazada, estes campamentos tamén teñen o obxectivo de ensinarlles a desenvolverse nun medio alonxado da súa familia, potenciando a súa maduración, a súa sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos saudables de hixiene, alimentación, saúde e ocio.

Deja un comentario