+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

O SERVIZO ORAL DA DEPUTACIÓN RECADOU EN TRIBUTOS MÁIS DE 12 MILLÓNS DE EUROS NO 2017 PARA OS CONCELLOS DA COMARCA DO VAL MIÑOR


No total da provincia os resultados de recadación do ano 2017 se incrementaron ata os 122,6 millóns de euros, un 1,6% máis que o ano anterior

Os concellos da comarca do Val Miñor que teñen delegada a súa xestión tributaria no servizo ORAL da Deputación recibiron máis de 12 millóns de euros da recadación das súas taxas e impostos do ano 2017. Así o adiantou hoxe o deputado provincial Carlos Font en rolda de prensa, na que tamén informou dos resultados do pasado ano no total da provincia, e dos primeiros datos do proceso de regularización catastral imposto polo anterior responsable do Ministerio de Facenda, Cristóbal Montoro.

Na comarca do Val Miñor son 3 concellos os que teñen delegada a xestión tributaria no ORAL: Nigrán, Baiona e Gondomar. Segundo informou o deputado a recadación de taxas e impostos ascendeu en 2017 ata os 12.127.901,41 euros. A recadación de cada concello foi: en Nigrán 4.704.599,20 euros; Baiona 4.287.085,61 e Gondomar 3.136.216,60 €.

Carlos Font tamén informou dos primeiros datos do proceso de regularización catastral que se está a realizar nos concellos da provincia “a imposición do anterior ministro Montoro, que obrigou aos municipios a enfrontar a revisión“. O deputado deixou claro que “o único que fixo a Deputación foi, naqueles concellos que teñen delegada a xestión deste imposto e onde así nolo solicitaron, establecer un punto de atención para atender, asesorar e axudar ás persoas para entender as notificacións que lles chegaron do Ministerio de Facenda, e para que presentasen as alegacións ou recursos pertinentes a eses documentos que o Ministerio lles remitiu“.

No caso da comarca do Val Miñor, a Deputación estableceu un punto de atención informativa no concello de Nigrán “no que atendéronse a 480 persoas afectadas pola revisión. Ademais, presentáronse 30 comparecencias é dicir, alegacións ou recursos a este proceso de regularización catastral”, dixo Font.

En canto aos datos provinciais, o goberno instalou puntos informativos en 17 concellos, “nos que ata o momento atendemos a case dez mil persoas, (9.975), e se realizaron preto de tres mil alegacións o recursos, (2870)“. Neste aspecto, Font adiantou que cando remate o período para presentar reclamacións, o Ministerio enviará ao ORAL en setembro, como fai cada tres meses, arredor de 27.000 liquidacións na provincia que despois liquidará en outubro. O deputado sinalou que “nós puxemos os puntos de atención no momento no que as persoas recibiron as notificacións, non cando lles chega o momento de facer o pago, pero aínda que xa non estea o punto de atención no seu concello calquera que o precise poderase achegar ás oficinas do ORAL e alí resolveremos as súas dúbidas“.

Datos de recadación ano 2017 e avance de 2018 na provincia
A recadación dos 54 concellos da provincia de Pontevedra que teñen delegada a xestión de taxas ou impostos no servizo ORAL ascendeu en 2017 a máis de 122 millóns e medio de euros (122.694.252,87 €). Son 2 millóns de euros máis respecto a 2016, un 1,6% máis que o ano anterior cando se recadaron 120,8 millóns de euros (120.806.176,26 €)

Carlos Font tamén avanzou os datos de recadación do primeiro semestre de 2018 aínda que matizou que “non son datos significativos xa que cada ano as variantes cambian e ademais os impostos máis importantes sempre se tramitan nos meses finais de ano como é o caso do IBI que comezou esta mesma semana”. Aínda así, Font revelou que “nestes primeiros meses xa podemos falar de que ORAL recadou máis de 40 millóns de euros. Isto significa que xa levamos recadado máis que en 2017, cando a finais de xullo levabamos 38,8 millóns de euros. Son 1,2 millóns de euros e un 3% máis que o ano pasado nas mesmas datas“.

Datos xerais ORAL
O Servizo ORAL fai a xestión de taxas e impostos daqueles concellos da provincia que así o requiren ao carecer de medios e persoal para facelo. A súa función limítase exclusivamente a esa delegación dos concellos e ingresa nas arcas de cada municipio a recadación de tributos como o IAE, o IBI, o IVTM, o Lixo, as sancións de circulación e nalgúns outros casos de licencias de apertura, licencias urbanísticas e a xestión recadadora voluntaria doutras taxas e ingresos.

Este servizo de colaboración cos concellos dispón de 14 oficinas en Pontevedra, Caldas, Cambados, Cangas, A Estrada, Lalín, Moaña, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, Sanxenxo, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa, e 9 puntos de atención que funcionan un ou dous días á semana en Arbo, Bueu, A Cañiza, Crecente, Covelo, As Neves, Ponte Caldelas, O Rosal e Tomiño.

Deja un comentario