+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

O CPI SANTA LUCÍA AFRONTA A FASE FINAL DO SEU PROXECTO DE REHABILITACIÓN ENERXÉTICA E FUNCIONAL, DOTADO CON 550.000 EUROS


Luisa Piñeiro visita as obras, que quedarán rematadas ao longo do vindeiro mes de setembro e reducirán o consumo en máis dun 50%

 

O Colexio Público Integrado (CPI) Santa Lucía de Moraña está a afrontar a fase final do seu completo proxecto de rehabilitación enerxética e funcional, impulsado pola Consellería de Educación e dotado con 550.000 euros de investimento, a cifra máis alta dos nove proxectos destas características que se desenvolven este ano na comunidade galega.

Con motivo desta importante actuación, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, realizou unha visita ao centro para interesarse polo estado das obras e a mellora que recibirá o inmoble, así como polo cronograma que manexa a empresa adxudicataria para non entorpecer o inicio do curso lectivo.

Os representantes firma indicáronlle que o recinto educativo vai aforrar sobremaneira no consumo enerxético, tanto de electricidade como de calefacción, con máis dun 50% e con picos que poden situarse por riba do 80%, e engadiron que, máis aló desta circunstancia, “o colexio vai gañar moito en confortabilidade e comodidade”. Ademais, as obras vanse ir rematando paulatinamente por zonas ao longo do mes de setembro para permitir acoller os exames de recuperación e posteriormente o inicio de curso sen que haxa atrancos coas clases.

En canto aos traballos previstos, inclúen o illamento térmico da fachada exterior, o cambio de fiestras, carpintaría, verteaugas, vidros e protección solares, a colocación de luminarias de alta eficiencia que se apagan cando deixan de detectar presenza humana, a instalación dunha moderna calefacción de biomasa e a reparación e pintado dos paramentos interiores.

Tras a visita, a rexedora local amosou a súa satisfacción por este importante investimento, “xa que vai mellorar moito a principal instalación educativa do municipio e vai outorgar un maior benestar á comunidade eduactiva ao tempo que permite que as administracións aforremos unha cantidade moi importante nos
consumos e os gastos enerxéticos”.

Deja un comentario