+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

O MUSEO DE PONTEVEDRA VOLVE SUPERAR AS 100.000 VISITAS ANTES DE FINALIZAR AGOSTO


A exposición máis visitada polo momento foi a antolóxica dedicada ao arquitecto Alejandro de la Sota con máis de 11.000 visitas
Por segundo ano consecutivo, os edificios visitables do Museo de Pontevedra superan a cifra dAs 100.000 visitas antes de rematar o mes de agosto, cifra que se igualara no ano 2017 pero que no 2016 se acadara no mes de novembro. Mantéñense as Ruínas de San Domingos como o monumento máis visitado, con 59.812 visitantes desde a reapertura o 24 de marzo tras o habitual peche dos meses do inverno. En canto ás exposicións temporais foi a mostra antolóxica dedicada ao arquitecto Alejandro de la Sota a que máis visitantes recibiu con 11. 015.
Por meses e nos edificios Sarmiento e Sexto, os que máis visitas contabilizaron foron o mes de marzo, con 6.222 visitantes, e abril con 7.022, meses nos que se celebraron obradoiros e actividades complementarias como as Visitas Cruzadas, as visitas á mostra de ilustración mexicana do Salón do Libro, a celebración da entrega do premio Otero Pedrayo a Margarita Ledo, os dous espectáculos da Noite dos Museos, os obradoiros de Prehistoria do programa Telecultura, e presentacións como a do libro ‘Cartolatría’ ou o documental ‘Arte+Muller+Galicia’. En canto ás exposicións temporais no Sexto Edificio, ‘Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/ Construír’, que tivera lugar entre o 6 de abril e o 27 de maio, chegou aos 11.015 visitantes; seguida de ‘A beleza oculta’ a mostra comisariada por nenos e nenas e que puido visitarse do 16 de febreiro ao 18 de marzo con 5.215 visitas; ‘Ver e tocar: exposición itinerante do Museo Tiflolóxico da ONCE’, entre o 8 de febreiro e o 11 de marzo, con 4.584 visitas; ‘Iso segue o seu curso’ a mostra que reuniu os traballos do Máster de Arte Contemporánea entre o 5 de xuño e o 8 de xullo, acadou as 4.464 visitas; e ‘Novos Valores 2017’ coas obras das bolsas concedidas neste certame, e que se puido ver entre o 21 de xuño e o 22 de xullo, chegou aos 3.609 visitantes.
Actualmente, as exposicións temporais que poden visitarse son ‘Coplas de Cego’ do marinense José Solla, que desde a súa inauguración o pasado 26 de xullo leva 4.651 visitas –poderá verse ata o 23 de setembro-, e ‘Novos Valores 2018’ que reúne as obras gañadoras e seleccionadas do certame deste exercicio, que contabiliza 3.499 visitas desde a súa inauguración o 2 de agosto e que poderá verse ato o 16 de setembro.
No que resta de ano, o Museo de Pontevedra ten previstas tres mostras temporais máis: ‘Francisco José de Caldas (1768-1816). O sabio de Caldas’ do 11 de outubro ata o 18 de novembro; ‘Sileno. Coleccións ABC e Museo de Pontevedra’ do 4 de decembro ao 27 de xaneiro; e ‘Maside en Combarro’ do 18 de decembro ao 27 de xaneiro.

Deja un comentario