+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONSTRUIRÁ UNHA NOVA CANALIZACIÓN PARA O REGO QUE PASA BAIXO A ESTRADA PROVINCIAL EP-8501 VALGA-MARTORES


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as obras, que inclúen ampliar a plataforma e beirarrúas, ascenden a case 141.000 euros

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de sacar a licitación as obras para construír unha nova canalización para as augas do rego afluente ao río Valga que pasa baixo a estrada EP-8501 entre Valga e Martores , dentro do termo municipal de Valga. O deputado Uxío Benítez explica que esta actuación de drenaxe mellorará a capacidade do regato baixo a vía sen modificar a súa canle e aportará estabilidade á estrada para o tránsito de vehículos. O investimento provincial será de 140.291,26 euros e a obra terá que estar executada nun prazo de tres meses logo do inicio dos traballos.

O paso do rego, situado no punto quilométrico 0+300, facíase ata o de agora a través dunha taxea e muros de mampostería en mal estado que quedaran sen reformar cando se executara a reurbanización da estrada. O novo proxecto prevé actuar para dar continuidade á vía e resolver o problema da auga, o que requirirá modificar lixeiramente a traza da estrada e afectará a uns 200 metros cadrados dunha propiedade particular.

As obras consistirán na instalación de varios marcos formigón armado prefabricados (de 4×1,5×1,5) que deixarán un van amplo para que a auga cruce pola súa canle orixinal. Estes marcos deberán ser colocados cun guindastre autopropulsado de grandes dimensións e formarán unha estrutura que garantirá o desaugue do regato e fará que o taboleiro da estrada teña garantías de estabilidade. Instalaranse servizos, darase máis sección á plataforma, construiranse beirarrúas e pavimentarase a calzada coa súa correspondente sinalización horizontal. Tamén se instalaran varandas de aceiro galvanizado e lacado a ambos lados da estrada, xusto por riba do paso do regato.

Segundo explica Benítez, as empresas interesadas en realizar estes traballos teñen de prazo ata o día 17 de setembro para presentar as súas ofertas técnicas e económicas, que despois serán avaliadas polo persoal técnico da Deputación co fin de escoller a máis vantaxosa. A actuación ten un orzamento de 140.920 euros e deberá estar finalizada en tres meses logo da adxudicación e inicio de obra. Deste xeito, e contando con todos os prazos administrativos necesarios, a obra podería estar finalizada a primeiros de 2019 se non se producen complicacións.

Deja un comentario