+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

CUBELA PRETENDE CONSENSUAR CON FOMENTO A REANUDACIÓN DO PROXECTO DA ESTRADA N-541 EN VIASCÓN


O ministerio vén de convocar aos propietarios, a través de cartas informativas, ao acto de sinatura de actas previas á expropiación

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de mostrar a súa sorpresa ante o feito de que o Ministerio de Fomento acabe de reanudar o proxecto de reforma na estrada N-541 na parroquia de Viascón, despois de que fora paralizado polo anterior executivo central, e anunciou a súa pretensión de consensuar a súa execución e as distintas solucións previstas polo departamento estatal.

Para elo, e tras amosar a súa estraneza polo feito de que esta actuación volva tramitarse sen informar ao Concello e aos veciños, vai solicitar unha reunión urxente aos representantes ministeriais para tratar de acordar a reforma, xa que cómpre lembrar que o executivo local conseguiu a suspensión do proxecto tras detectar unha forte oposición veciñal á solución plantexada inicialmente polo Goberno central.

O Concello foi coñecedor da reactivación do proxecto despois de que o ministerio estea convocando nestes días, a través de cartas informativas, aos propietarios afectados para que asistan ao acto de sinatura de actas previas e nas que tamén se lles informa dos depósitos das contías das expropiacións dos terreos.

A reforma da N-541 en Viascón foi deseñada polo anterior Goberno central e consistía na instalación dunha medianera horizontal na calzada cun carril de incorporación e a dotación dunha vía lateral de servizo, pero os veciños entendían que esta obra perxudicaba á vida da parroquia e era innecesaria xa que non se detectara ningún problema de seguridade. Ante esta situación, Cubela negociou a suspensión da reforma e a inclusión, chegado o caso da súa execución, dun proxecto de humanización da zona con dotación de beirarrúas.

Por elo, o presidente municipal anunciou que “o goberno de Cerdedo-Cotobade vaise poñer, ao igual que fixo co goberno anterior, do lado dos veciños” e intentará negociar unha solución “acaída aos intereses de todas partes para que, se se produce unha reforma da estrada, a mesma non perxudique á parroquia de Viascón”.

Deja un comentario