+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE 230.000 EUROS NA ESTRADA PROVINCIAL EP-0018 AO PASO POR AMIL EN MORAÑA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembra que o proxecto está finalizado dende xullo de 2017

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai investir máis de 230.000 euros para estabilizar un noiro na estrada provincial EP-0018 no lugar de Amil, en Moraña. O deputado Uxío Benítez explica que as obras consistirán na construción dun novo terraplén e dun muro de escollera que permitirán conter as terras nas que se asenta a estrada e darlle estabilidade para o tránsito de vehículos e de peóns, garantindo así a seguranza viaria.

As expropiacións necesarias para a obra aprobaranse definitivamente no pleno provincial do mes de outubro para pasar logo ás actas e depósitos previos ao tempo que se licita o proxecto. A intención é que as obras sexan unha realidade a primeiros de 2019 e estean listas nun prazo de dous meses. Debido á ubicación do noiro de nova construción preto do regato Xundeiro, a intención é buscar o período de mellor climatoloxía para iniciar os traballos, xa que non sería axeitado comezar en época de chuvias.

Segundo explica Benítez, o proxecto para a estrada da Amil está finalizado dende xullo de 2017. Trasladouse entón a documentación necesaria á alcaldesa de Moraña, quen manifestou a súa vontade de conseguir as fincas dende o Concello. Finalmente, e posto que dende o goberno local non se avanzaba na posta a disposición, a Deputación decidiu levar adiante un expediente expropiatorio para 1.558 metros cadrados.

O deputado nacionalista lamentou a actitude da rexedora nos últimos días e asegurou que as obras poderían estar xa rematadas se non fose polas “idas e voltas” dende o Concello. “Se a alcaldesa tivese aclarado nun primeiro momento que non tiña interese en colaborar e en obter as cesións, a Deputación tería dado todos os pasos da tramitación. O que ocorreu é que por un lado dicía que si conseguía os terreos e por outro non facía máis que entorpecer”, subliñou Benítez.

Características da actuación
As obras do proxecto de ‘Estabilización de terraplén na EP- 0018 Xeve-Amil-Espedregueira, PQ 12+800 no lugar de Amil (Moraña)’ pretenden solucionar os problemas de desprazamento de terras no noiro existente na estrada. A día de hoxe, a estrada presenta unha lixeira pendente, a beirarrúa ao lado terraplén, entre o bordo e o pavimento, ten unha fenda, e parte aparece afundida, estando envorcada tamén a barreira metálica do exterior da vía. Tamén se detectaron fendas lonxitudinais e pequenos abombamentos sobre o firme da calzada, sendo máis importantes sobre o carril do lado terraplén.

Dada esta situación o persoal técnico da Deputación expuxo inicialmente diversas solucións, como pantallas de pilotes, un muro prefabricado de formigón, ou a substitución do propio terraplén. Realizouse entón unha campaña xeotécnica coa perforación de tres sondaxes, o que permitiu apreciar que o terraplén se construíra directamente sobre a ladeira existente, sen realizar un saneo previo da terra vexetal, nin efectuar bancadas da mesma para reducir a posibilidade dun esvaramento. Ademais disto, comprobouse que o recheo do terraplén consistía nun material sen cohesión e pobremente compactado.

Dadas as características descritas, o persoal técnico considerou que a solución máis adecuada consistía en substituír o terreo mobilizado por un novo terraplén, saneando o seu apoio e executando bancadas ou escalóns para salvar o desnivel, ademais de construír un muro de dique a pé de noiro. Na parte superior da obra manterase a sección da estrada con dous carrís de 3,50 metros, eliminarase a beirarrúa exterior do lado do terraplén (quedará unha beiravía de 0,5 metros e unha berma de 1,10 metros), e ampliarase a beirarrúa interior ata os 2,5 metros, do lado das edificacións.

Deja un comentario