+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ADIANTA O REINICIO DAS OBRAS NA ESTRADA DE SAN VICENTE EN O GROVE


O deputado Uxío Benítez apunta que o obxectivo é ter o máximo do proxecto executado para a Festa do Marisco

A Deputación, a través do departamento de Mobilidade, vén de reiniciar as obras na estrada provincial EP-9106 de San Vicente do Grove e adiantar así os prazos previstos para retomar os traballos, que foran paralizados a finais de xuño co fin de evitar molestias ás persoas usuarias das praias. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, nestes momentos a empresa está a realizar a demolición do firme diante da igrexa, onde se vai construír unha nova praza, e tamén a preparar a traza da vía para iniciar as pavimentacións da nova senda peonil e da calzada.

O adianto dos traballos foi consensuado co concello de O Grove e coa empresa adxudicataria ao ver que a afluencia de turistas era xa moderada con respecto ás semanas anteriores. A intención, dixo Benítez, é apurar os prazos e ter executado o máximo posible das obras de cara á Festa do Marisco que se celebrará en outubro, e que volverá a atraer ao concello grovense un nutrido número de visitantes. Desta forma non só se cumprirían os prazos oficiais da obra (catro meses), senón que incluso se poderían acurtar se todo sae segundo o previsto.

Nos dous meses previos ao parón estival a empresa realizou o traballo menos ‘visual’ do proxecto: o ensanche da sección da plataforma, as canalizacións de telefonía e electricidade, así como as tubaxes de saneamento e pluviais. Logo acondicionouse todo o ámbito de actuación para garantir a seguridade viaria e peonil mentres non había actividade de obra. Agora retomaranse os traballos coa pavimentación da nova senda e da calzada, a construción da nova praza diante da igrexa, así como coa eliminación dos postes e o soterramento do tendido eléctrico, principalmente.

En canto ao proxecto, Benítez lembra que o ámbito de actuación é de 900 metros entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Crearase unha senda de 2,5 metros de largo delimitada por elementos de iluminación con rodadura diferenciada de formigón, e dúas zonas de convivencia de peóns e coches sobreelevadas –nos treitos de menos largo e vivendas a ambos lados- nas que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora.

Como elementos de seguranza viaria instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados (‘lombos’) e dez redutores físicos de velocidade de vehículos. Ademais, derrubarase parte dunha construción que impide a visibilidade para os condutores nunha curva moi pechada.
O orzamento da obra, máis de 540.000 euros, financiarase grazas ao convenio de colaboración asinado entre Deputación e Concello, aportando a institución provincial o 80% e a municipal o 20% restante.

Segundo asegurou o deputado Benítez en varias ocasión, a mellora da estrada de San Vicente será un exemplo do novo modelo de Mobilidade da Deputación, onde se prioriza a mobilidade peonil fronte ao tránsito motorizado.

Deja un comentario