+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS PECHA AS FESTAS DAS DORES MÁIS MULTITUDINARIAS DA SÚA HISTORIA


O Goberno local subliña a importante repercusión sobre a hostalería local, que traballou arreo durante estes días
O Concello de Ponte Caldelas fixo hoxe balanzo das Festas das Dores, que durante os últimos días encheron de vida a localidade cun programa festivo denso e atractivo. A música, o folclore, as procesións, as representacións teatrais e os espectáculos infantís constituíron o eixe central dunhas festas para lembrar.
O Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está moi satisfeito dos resultados desta edición, dado que foron quen de atraer a decenas de miles de persoas. A Alameda caldelá quedouse moi pequena en varias ocasións para acoller ao público. O Goberno conclúe que estamos diante das Festas das Dores máis atractivas e máis participativas de toda a historia do municipio.
O Goberno municipal recalca o cheo total nas actuacións de París de Noia e El Combo Dominicano, pero subliña tamén que a asistencia o sábado, coa orquestra La Oca Band, foi espectacular e por enriba de todas as previsións. Tamén moi destacada, a aceptación do Festival Folclórico e do Festival “Son de Caldelas”, así como o numeroso público presente nas tres representacións teatrais a cargo de Redrum Teatro, Malasombra Producións e as Mulleres Rurais de Ponte Caldelas, especialmente esta última.
O ambiente festivo en Ponte Caldelas prolongouse durante as Festas das Dores, como quedou ben claro coas sesións vermú nos concertos das bandas de música invitadas. Finalmente, cómpre remarcar a gran presenza de público durante a procesión do martes, que estivo acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e a Banda de Guerra da Brilat.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca que as Festas das Dores deron este ano un novo salto de calidade e, aínda que sempre xorden algúns imprevistos, o nivel organizativo alcanzou estándares moi altos. “Somos un Goberno humilde e se algo se torce pedimos desculpas e empeñámonos en que non volva suceder, sen entrar a responder aos oportunistas da política porque a propia veciñanza xa os pon no seu sitio”, afirma.
Nesta edición das Festas das Dores, a primeira que se celebra dende a entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, Ponte Caldelas contratou un Plan de Autoprotección a unha empresa especializada, que se ocupou da revisión da totalidade das atraccións e instalacións feirais. Unha aposta pola seguridade que se viu acentuada pola presenza dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela e unha dotación de ambulancia permanente.
O Concello subliña o importante impacto económico que as Festas das Dores tiveron sobre o comercio e a hostalería local, pois Ponte Caldelas viviu xornadas multitudinarias, con visitantes chegados das catro provincias galegas, que fixeron gasto na localidade e contribuíron así á dinamización da vila.

Deja un comentario