+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

O CONCELLO TRABALLA NA EXTENSIÓN A TODO O TERMO DA REDE DE FIBRA ÓPTICA PARA ACCESO ULTRARRÁPIDO A INTERNET “NO PRAZO MÁIS CURTO”


O Plan de Banda Larga 2020 da Xunta despregará esta infraestrutura durante este ano no casco urbano, os dous polígonos e seis aldeas

 

O Concello de Moraña xa está traballando, a través de diversas xestións e contactos, na extensión a todo o termo municipal da rede de fibra óptica, que permitirá o acceso ultrarrápido a Internet cunha velocidade de alomenos 100 megas e que xa se está despregando polos principais puntos residenciais e empresariais do territorio.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que visitou na xornada de hoxe as obras de despregamento desta infraestrutura tecnolóxica cara o polígono de Mirallos, explicou, ante a demanda de moitos veciños, que a fibra óptica “vai chegar seguro a todo o concello e o que estamos tratando e de que sexa no prazo máis curto posible”.

Iso si, indicou que esta instalación leva o seu tempo e que neste ano vaise despregar, a través do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta, polo casco urbano, os polígonos industriais de Afieiras e Mirallos e as aldeas de Paraños, Chaián, Souto, Alberguería, Corrigatos e Soar, que serán os primeiros lugares que dispoñan deste servizo.

“Cando anunciamos a inminente activación da fibra óptica en Moraña, que é un fito moi importante, bastantes veciños preguntaron pola chegada desta rede aos seus respectivos lugares, polo que queremos anunciarlles que vaise seguir implantando paseniñamente polo concello, pero loxicamente comézase polos espazos de maior concentración de habitantes e de empresas. En calquera caso, estamos traballando para que sexa o antes posible”, detallou.

Nembargantes, a rexedora explicou que a Xunta vai activar de inmediato outro proxecto paralelo para favorecer a dotación de máis velocidade de acceso a Internet en moitas outras zonas do municipio que, polo momento, non contarán co servizo de fibra óptica, polo que se agarda que a mellora tecnolóxica sexa global en todo o termo municipal.

“Coa rede de fibra por unha banda e o proxecto complementario para o resto de zonas rurais estamos seguros de que practicamente todo o concello vai a notar unha clara melloría no servizo desde o vindeiro ano”, concluiu Piñeiro.

Deja un comentario