+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A PRAZA MASSÓ DE BUEU ACOLLERÁ UNHA EXPOSICIÓN DE ALEJANDRO DE LA SOTA, FIGURA CLAVE PARA ENTENDER O URBANISMO


A mostra ‘Alejandro de la Sota 1913-1996’, que xa estivo polas cidades galegas máis importantes, recalará na vila bueuesa do 3 ao 16 de setembro
Logo de visitar as principais cidades galegas, a exposición itinerante “Alejandro de la Sota 1913-1996” recalará en Bueu do día 3 ao 16 de setembro. Esta mostra, deseñada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, trata de dar a coñecer a figura de Alejandro de la Sota á sociedade galega, co gallo da celebración do “Ano das Artes Galegas 2018”, que este ano a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario dedica a este arquitecto, e que está composta de fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota.
A exposición consiste nunha serie de estruturas prismáticas que se situarán no interior da Praza Massó. Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos do arquitecto, ademais de pezas de mobiliario: “espazo para habitar”, “espazo para a docencia”, “espazo para o deporte”, “espazo para a industria”, e outro prisma irá adicado ao ideario de Alejandro de la Sota.
Alejandro de la Sota é unha das figuras chaves para entender a arquitectura española da segunda metade do século XX. Naceu en Pontevedra en 1913, foi Premio Nacional de Arquitectura en 1974, Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes (1986), Medalla de Oro de arquitectura (1988) e Premio Antonio Camuñas (1993).
Entre as obras emblemáticas desta figura da arquitectura española están a casa Domínguez en Pontevedra, o Ximnasio Marabillas, o pavillón Municipal de Pontevedra, o Goberno Civil de Tarragona ou o edificio de Correos e Telecomunicación de León.
O motivo de que esta exposición recale en Bueu logo de percorrer as principais cidades galegas, está na relación que a familia De la Sota tivo con Bueu, e dos lazos estreitados coa familia Molezún e a vivenda na Roiba, das numerosas visitas á Illa de Ons e do amor pola ría de Pontevedra e as súas paisaxes. Por iso, e tal e como destaca o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, “para o Concello de Bueu é unha satisfacción e unha oportunidade de dar a coñecer á cidadanía esta importante figura da arquitectura española”, motivo polo que agradece ao COAG e en especial a Juan de la Sota Rius, fillo de De la Sorta, a quen se debe o interese de que esta exposición visite Bueu.
Dende o Concello de o Departamento de Urbanismo acóllese con gran satisfacción a oportunidade de dar a coñecer á cidadanía esta importante figura da Arquitectura española, motivo polo que se agradece ao COAG e en especial a Juan de la Sota Rius, fillo de De la Sota, a quen se debe o interese de que esta exposición visite Bueu.

Deja un comentario