+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O CONCELLO MELLORA OS ACCESOS A MEDIA DUCIA DE VIVENDAS NO LUGAR DE BARBUDO


O formigonado dunha pista pon fin ás dificultades que padecía a veciñanza

A mellora no acceso á parte baixa do pobo de Barbudo permitirá solucionar os problemas que padecían os veciños de media ducia de vivendas. Unha obra longamente demandada e que o Concello vén de acometer estes días.
As obras consistiron na aplicación dun novo firme de formigón, deseñado para desviar correctamente as augas pluviais, e que pon fin a moitos anos de fochancas. A pista, cunha lonxitude duns 250 metros, sitúase a carón da estrada municipal que comunica o pobo de Barbudo coa presa de Eiras.
O Goberno municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) decidiu acometer esta actuación tras ser informado pola veciñanza de que a obra fóra prometida polo anterior Goberno local, pero nunca chegou a ser executada. A petición trasladouse o ano pasado, durante as obras de asfaltado da estrada de Eiras e agora vese atendida.
O camiño dá acceso directo a tres vivendas, pero tamén comunica cun camiño que á súa vez conduce a outras tantas, polo que considerouse necesaria a súa execución.
Con esta nova obra de infraestruturas básicas no rural o Goberno local caldelán inicia outra rolda máis de actuacións, con cargo aos Orzamentos deste ano, que incluirán máis de 30 obras por case a totalidade dos núcleos de poboación de Ponte Caldelas ao longo dos próximos meses. As actuacións, divididas en varios lotes, superan os 300.000 euros e están culminando o procedemento de adxudicación.

Deja un comentario