+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN SACA A CONTRATACIÓN A MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL EP-9305 ENTRE O NÚCLEO DE RIBADUMIA E A RUTA DA PEDRA E DA AUGA


As obras superan os 225.000 euros teñen un prazo de execución de catro meses logo de iniciar os traballos

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno a contratación da mellora da estrada provincial EP-9305 Coirón-Ribadumia entre o núcleo da vila e o inicio da ruta da Pedra e da Auga. Abrirase agora o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas, que serán analizadas polo persoal técnico provincial co fin de adxudicar e iniciar os traballos antes de final de ano, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez.

O proxecto de reforma ten un orzamento de 225.088 euros e un prazo de execución de catro meses logo do inicio dos traballos. O obxectivo desta actuación é fomentar o tránsito peonil na zona e, por tanto, potenciar a economía e o turismo ademais de mellorar os servizos urbanos para a veciñanza. O ámbito de actuación abrangue 410 metros de lonxitude, nos que se construirá unha nova senda peonil e ciclista de 2,5 metros de largo, e se instalarán catro redutores físicos de velocidade de vehículos, establecendo unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.

O deputado Uxío Benítez explica que con este proxecto porase de manifesto a importancia do cambio de filosofía da Deputación en materia de Mobilidade, xa que coa chegada do novo goberno mudáronse as prioridades nos proxectos, poñendo o foco nas necesidades das persoas e apostando pola seguridade, a sustentabilidade e a inclusión. O nacionalista lembrou que o anterior goberno provincial tiña outro deseño para a vía que foi posible modificar grazas á implicación municipal e á consecución dos terreos.

A actuación en Ribadumia será unha realidade grazas ao convenio asinado entre Deputación e Concello, facéndose cargo do 70% do custe da obra a institución provincial, mentres que o goberno local fará fronte ao 30% restante.
Pontevedra, 31 de agosto de 2018

Deja un comentario