+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ADXUDICA 28 BOLSAS DE MOBILIDADE DO PROXECTO “ERASMUS + PRACTICUM DEPO 2017”


Nas 4 edicións do programa, o goberno de Carmela Silva leva investidos 3,5 millóns de euros para o impulso da mobilidade de case 450 persoas da provincia

Ten por obxectivo favorecer a integración no mundo laboral do alumnado de Formación Profesional de ciclos medios

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación de 28 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017”. Nesta sexta quenda, que comeza en outubro, alumnas e alumnos procedentes de quince centros educativos da provincia viaxarán a Bélxica, República Checa, Irlanda, Italia, Portugal e Finlandia para desenvolver as súas prácticas formativas ao longo de seis meses.

Máis polo miúdo, saen beneficiados sete alumnos e alumnas de Pontevedra (IES A Xunqueira I, IES Frai Martín Sarmiento, IES Montecelo, IES Luis Seone, CIFP A Xunqueira), un ou unha de Sanxenxo (IES Vilalonga), catro de Redondela (IES Chapela), un ou unha de Lalín (IES Laxeiro), un ou unha de Bueu (IES Johan Carballeira), dez de Vigo (Centro de Formación Divino Maestro, CPR San Miguel, IES A Guía, IES Ricardo Mella), tres das Neves (EFA A Cancela) e un ou unha de Vila de Cruces (IES Marco de Camballón).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que este terceira edición ten un orzamento de 700.967 euros e “ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas con motivo da súa aprendizaxe”. Tamén engadiu que o que se pretende dende a institución provincial “é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas en Formación Profesional de ciclos medios para que se poidan formar e facer a súa primeira incursión no mundo laboral para intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras”.Silva tamén lembrou que “a continuidade deste proxecto está asegurada”. Está en marcha un novo “Practicum Depo”, que constituiría a cuarta edición, no que se está a investir preto de 822.000 euros e a través do cal se van impulsar 124 novas mobilidades ata o 31 de maio de 2020 que permitirán que tanto alumnado como profesorado de 15 centros educativos de FP da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa.

Dende que a institución provincial puxo en marcha “Practicum Depo” investíronse e estanse a investir máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.

Deja un comentario