+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019

CUBELA REITERA A NECESIDADE DA COMARCALIZACIÓN DAS EMERXENCIAS TRAS A LENTA REPOSTA AO LUME DE VALONGO


Esixe a Silva que asuma a competencia, xa que a Deputación ten que atender, por lei, as incidencias en concellos de menos de 20.000 veciños

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reiterou a súa solicitude de que se proceda á inmediata comarcalización dos servizos de Emerxencias na bisbarra das Terras de Pontevedra despois da lenta resposta ofrecida polos equipos de extinción ao lume de onte nunha vivenda en reconstrución na parroquia cotobadesa de Valongo. En concreto, precisou que os bombeiros do Salnés, que son os encargados de atender ao concello, chegaron en 55 minutos, mentres que o GES da Estrada, que acudíu de apoio, compareceu aos 65 minutos de decretarse o incendio.

“Non é de recibo que un municipio limítrofe coa capital provincial teña que agardar unha hora para recibir atención nunha incidencia, polo que esiximos unha solución áxil e inmediata a este problema”, declarou Cubela, que cre que a situación está clara “coa Xunta apostando pola comarcalización e anunciando a súa intención de poñer cartos e a Deputación de Pontevedra, malia ser a competente nas emerxencias dos concellos de menos de 20.000 habitantes, bloqueando a que, sen dúbida, é a mellor solución para os cidadáns”.

“O pasotismo e o desleixo do bipartito que rexe a Deputación de Pontevedra polos concellos rurais e do interior é tan grande que non saio do meu asombro por non dicir algo máis forte ”, lamentou Cubela, que lembrou que ás deputacións da Coruña, Lugo e Ourense e á Fegamp válelles a comarcalización polo que “non se entende a teima de Carmela Silva en quedarse soa neste asunto agás a súa existencia acomplexada por confrontar coa Xunta”.

“Trátase da medida máis barata, inmediata e eficaz para atender á bisbarra, xa que se aforraría bastante diñeiro e ademais estaría operativa nun prazo moi curto de tempo e se a segue adiando vai suceder unha desgraza”, indicou Cubela, que esixiu á presidenta da Deputación que asuma as súas competencias: “A Lei de Emerxencias aprobada pola Xunta do bipartito establece claramente que, no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes, as emerxencias son competencia das deputacións provinciais, polo que queremos que asuma o que lle toca. Ten unha responsabilidade legal connosco”.

Deja un comentario