+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

A CONCELLEIRA DE INFANCIA PARTICIPOU NA CLAUSURA DO PROGRAMA ‘VERÁN ACTIVO 2018’


O programa de actividades desenvolveuse do 1 de xullo ao 31 de agosto nas instalacións do CEIP A Pedra, e nel participaron sesenta rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos
Un total de sesenta rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos participaron durante xullo e agosto no programa ‘Verán Activo’, posto en marcha polo Concello de Bueu co obxectivo de dinamizar as vacacións estivais con actividades lúdico – educativas e de animación e que se celebraron nas instalacións do CEIP A Pedra.
Precisamente, este venres, a concelleira de mocidade e infancia, Macu Rodríguez, visitou os obradoiros coincidindo coa clausura dos mesmos, onde participou na entrega de diplomas.
Co obxectivo de combinar coñecemento con diversión, ao longo destes dous meses realizáronse obradoiros sobre arte, historia, teatro, deporte e natureza, desde unha perspectiva local (recollida de plantas, xogos populares e recollida de lixo nas praias). Por iso realizaron visitas ao Museo Massó, ao Pazo de Santa Cruz, á ruta dos Muíños, e ás praias. Así mesmo, a psicóloga do Centro de Información ás Mulleres levou a cabo varias sesións, por grupos de idade, nas que se tratou o tema da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Este programa forma parte do fomento de actividades de lecer que traballen desde as idades máis cativas sobre o propio medio ambiente, a vila e a historia, co obxectivo de facelos partícipes do conxunto da cidadanía, tal e como destacou a concelleira.

Deja un comentario